Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

martes, 23 de abril de 2024

DÍA DO LIBRO 2024

 UNHA MATERIA, UN LIBRO

Para celebrar o Día do libro convidamos o noso alumnado a gravar unha recomendación lectora e ao profesorado a participar na actividade  “Unha Materia, Un Libro”. 

O resultado quedou plasmado neste fermoso vídeo e nunha exposición de libros con títulos moi orixinais dos nosos fondos. 


Celebremos esta data tan bonita collendo un dos libros recomendados!


mércores, 17 de abril de 2024

OBRADOIRO DE BANDA DESEÑADA CON ALEXANDRE SENANDE

Este mércores contamos no CPIP Antonio Orza Couto coa visita do ilustrador Alexandre Senande que veu darlle un obradoiro de Banda Deseñada ao alumnado de 1º ESO. O ilustrador de Sentinelas da lúa carmesí, xa coñecido polas alumnas do noso Club de Lectura, compartiu algunhas das súas técnicas co alumnado de 1ºESO nunha sesión práctica na que estiveron traballando e desfrutando a un tempo e que deu lugar a resultados moi satisfactorios. 

​Parabéns a Alexandre e ao noso alumnado pola súa implicación recíproca na actividade. Parece que hai canteira da ilustración no Orza Couto!


martes, 26 de marzo de 2024

REUNIÓNS CLUB DE LECTURA

 Rematamos a avaliación coas reunións do Club de Lectura do alumnado de 3º e 4º ESO para comentar os libros Campus Morte, de Lito Vila Baleato e Golpes de luz, de Ledicia Costas. 



PARABÉNS ao noso alumnado lector!!!



luns, 18 de marzo de 2024

ESTE ANO CELEBRAMOS POR PRIMEIRA VEZ O DÍA DO CÓMIC!


O 17 de marzo, Día do Cómic, é unha data especialmente importante para nós, xa que coincide co lema das Bibliotecas Escolares "Unha Biblioteca Escolar en Viñetas".


Dende a biblioteca, organizamos unha exposición de cómics dos nosos fondos (principalmente novas adquisicións) nos idiomas galego, castelán, francés e inglés.


Convidamos o alumnado a visitar a exposición e animarse a levar un cómic para ler nas vacacións da Semana Santa.


 



luns, 4 de marzo de 2024

CLUB DE LECTURA ALUMNADO 2ESO

 Xuntanza co alumnado do club de lectura de 2ESO para comentar a lectura Sentinelas da lúa carmesí, unha lectura de banda deseñada de Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senande, publicada pola editorial Galaxia e que encheu ás nosas alumnas curiosidades e fantasías.


A vindeira lectura... unha nova banda deseñada, neste caso dun clásico que nos toca moi de preto, Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, agora en versión ilustrada de Iria Aldegunde e editada por Galaxia.
 

ROSALIADA - celebración do DÍA DE ROSALÍA

 O venres 23 de febreiro celebramos o Día de Rosalía de Castro cun acto no que participaron os diferentes grupos da ESO e que se desenvolveu nas dúas últimas sesións do día no salón de actos.

O alumnado de 1º e 2º ESO fixo caligramas cos textos de Rosalía nas clases de diferentes materias e titorías, presentaron o acto e mesmo fixeron a lectura do poema "o cravo".


  
 O alumnado de 3ºESO leu Lieders e o manifesto da Asociación de Escritores en Lingua Galega, elaborado por Carlos Callón para este día. 


O alumnado de 4ESO interpretou ao piano e frauta o poema Negra sombra e cantaron e bailaron a ritmo de pandeiretas "Cantan os galos pr'o día".

Parabéns ao alumnado e profesorado do noso centro implicado na celebración deste día tan importante para a cultura e identidade galegas.

sábado, 17 de febreiro de 2024

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E DA NENA NA CIENCIA

 Ademais das actividades desenvolvidas nalgunhas materias e titorías, dende a Biblioteca Xosé Neira Vilas quixemos facer unha lembranza do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, o 11 de febreiro, cunha serie de recomendacións lectoras.



DÍA MUNDIAL DA LECTURA EN VOZ ALTA

Con motivo da celebración o 7 de febreiro do Día Mundial da Lectura en voz alta, o alumnado de 3ESO de Plástica, achegouse ás aulas de 5º e 6º de Infantil para facerlles lecturas, proposta que partiu do equipo de coordinación da Biblioteca.

Parabéns á profesora Rebeca e ao alumnado por participar nesta actividade de colaboración entre os grupos de EI e ESO e que pon á lectura como eixe de unión.





martes, 30 de xaneiro de 2024

ACTIVIDADES POLO DÍA DA PAZ

DÍA DA PAZ NO CPIP ANTONIO ORZA COUTO

Dende o equipo da Biblioteca Xosé Neira Vilas propúxemoslle ao profesorado de ESO e ao alumnado participar na elaboración de abecedarios da paz nas diferentes linguas que temos no centro e que penduramos polo corredor. 


       


Charla sobre trata de seres humanos - Plan Proxecta

O luns, 29 de xaneiro, o alumnado de 4ESO xuntouse na biblioteca Xosé Neira Vilas para asistir á charla  "A nova escravitude do século XXI: Trata de seres humanos con fins de explotación sexual, outra forma de violencia de xénero", impartida por dúas persoas responsables do Programa Vagalume de Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela. 

Esta charla ten lugar dentro das actividades ofertadas polo Plan Proxecta 365 días de respecto e igualdade, no que colabora a nosa biblioteca.





 

luns, 22 de xaneiro de 2024

Club de lectura 2º ESO

 Comezaron as nosas xuntanzas do Club de lectura con alumnado de 2º ESO, nesta ocasión co libro de banda deseñada Sentinelas da lúa carmesí, de Andrés Castro, Ozo Perozo e Alexandre Senade, publicado pola editorial Galaxia.


            Agardamos que as desfrutedes moito e vémonos nunha próxima xuntanza para comentala!

domingo, 14 de xaneiro de 2024

Club de lectura adultos

Comezamos co Club de lectura de adultos co que convidamos a toda a comunidade educativa a participar na lectura da obra Deixe a súa mensaxe despois do sinal de Arancha Portabales.

Aínda que é un libro publicado xa en 2017 pola editorial Galaxia, a súa lectura non deixa de impresionar e gustar pola súa vixencia e identificación coa sociedade actual.

Animádevos a participar coa lectura que poidades facer, aos poucos ou moitos, e que os nosos pequenos e pequenas nos vexan como exemplo de comunidade unida pola lectura  nun espazo público e de calidade, o seu centro educativo!


Club de lectura 3º e 4º ESO

 Comezaron as nosas xuntanzas co Club de lectura de 3º e 4º ESO e como somos moitos e moitas os que queremos participar, faremos dous grupos de lectura, un arredor da lectura Campus Morte de Lito Vila Baleato e outro de Golpes de Luz de Ledicia Costas.

Agardamos que as desfrutedes moito e vémonos nunha próxima xuntanza para comentalas!

domingo, 7 de xaneiro de 2024

As sempre presentes MEMORIAS DUN NENO LABREGO

“EU SON… Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa…”

O 5 de xaneiro de 1961 publicábase en Bos Aires Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas. Queremos lembrar este día por ser no que se publicou unha das obras máis importantes da literatura galega e por ser dun autor tan próximo ao noso centro e a todos os nosos nenos e nenas, quen ademais dá nome á nosa biblioteca.

Agardamos que Balbino siga a ser exemplo para toda esta rapazada, para todos nós.

*Imaxe de Isaac Díaz Pardo para a publicación en Edicións do Castro (1968)