Novembro foi un mes moi activo no que, ademais das nosas actividades xa programadas, sumámonos á loita pola eliminación da violencia contra a muller cunha exposición temática en EP e na ESO que podedes visitar e aproveitar para levar de préstamo os libros do fondo da nosa biblioteca.
Retrocedendo no tempo, ademais das actividades para celebrar o Día de Neira Vilas, impulsamos o proxecto interdisciplinario Día das Escritoras, que se desenvolveu en dous subproxectos, un en Educación Infantil e Primaria e outro na ESO. Os detalles pódense ver nas respectivas entradas no blog. O Día das Bibliotecas celebrámolo cunha visita á biblioteca do Concello cos grupos do 2º da ESO e do 6º de EP, onde o alumnado participou dun scape room que versaba sobre os libros que leran, mentres que o 2º de EP visitou a biblioteca Anxo Casal en Santiago de Compostela. Ademais, o equipo da biblioteca de Primaria organizou, xuntamente co profesorado de Plástica e titores/as, a elaboración de marcapáxinas que fixeron os nenos e nenas.
Por outra banda, procuramos que neste día cada un dos grupos da ESO tivera polo menos unha clase na biblioteca podendo facer uso dos recursos deste espazo, dinamizando así o desenvolvemento dos contidos que estaban sendo abordados polo profesorado.
Finalmente, o alumnado de Plástica fixo unha intervención nos corredores pegando nas paredes pequenos libriños de papiroflexia e frechas feitas con páxinas de libros deteriorados e colocados para expurgo onde anotaron frases destacadas de libros que leron.
Ningún comentario:
Publicar un comentario