Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

luns, 20 de decembro de 2021

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O NADAL

 Desde a biblioteca queremos propoñervos estas lecturas para que desfrutedes deste Nadal cun bo libro na man.

Animádevos a descubrilas e pasade un MOI BO NADAL!!



BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS


Desde a biblioteca queremos informarvos de que un ano máis o noso centro quedou adherido á iniciativa de "Voluntariado na biblioteca escolar", dentro do programa Bibliotecas Escolares Solidarias.

O alumnado voluntario de Secundaria realizará unha serie de tarefas en relación coa biblioteca (deseño e realización de actividades, formación de usuarios...), por suposto axustándose aos protocolos que a situación sanitaria esixe.

Esta iniciativa lévase a cabo en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social e favorece actitudes de colaboración e solidariedade, colaborando na formación dunha cidadanía crítica e comprometida.

domingo, 19 de decembro de 2021

ESCOLLEMOS A PALABRA DO ANO

 Desde a Real Academia Galega están escollendo a Palabra do Ano 2021. Se queres participar na súa elección só tes que premer na seguinte ligazón e votar por calquera das finalistas: coada, gromo, resiliencia, tanxugueiras ou vacinódromo.




O prazo remata ás 23:59h do sábado 25 de decembro. Anímate a participar!

sábado, 4 de decembro de 2021

3 DE DECEMBRO, DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE


 Onte día 3 de decembro conmemoramos o Día internacional das persoas con discapacidade. Contamos coa visita de membros da Asociación Down Compostela e coa deportista de handbike Mila López, que compartiron con nós as súas experiencias. Desde a biblioteca colaboramos para que se tratase o tema na materia de Valores Éticos e deixámosvos esta infografía con recursos e explicacións sobre o tema:

día internacional das persoas con discapacidade de Biblioteca CPIP Antonio Orza Couto

martes, 30 de novembro de 2021

25-N DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Co gallo do Día Internacional contra a Violencia de xénero, todo o centro adicamos varias semanas do mes de novembro a traballar e a concienciar sobre este tema. Gran parte das actividades xiraron arredor do libro de Yolanda Neira "Alén loita e acariña" en todos os cursos e consistiron en análise das ideas, charlas, traballo con curtametraxes e cancións relacionadas coa violencia de xénero, lecturas de contos... O alumnado de Infantil participou ademais no contacontos Arturo e Clementina.

O alumnado voluntario da biblioteca elaborou un panel onde se recollían datos relativos á violencia de xénero no noso país, na Unión Europea e no mundo. Este panel completouse con unha exposición de libros seleccionados con esa temática, cos que estiveron traballando durante a semana.


Todo este traballo reflexouse nun acto celebrado o día 25 e presentado por alumnado voluntario da biblioteca, onde todo o centro se xuntou para alzar as nosas mans violetas e berrar o lema recollido no libro: "As mans para loitar, non para ferir! A fala para acariñar, non para anular!". Logo houbo unha lectura de lemas e poemas acompañados da actuación musical de Marina Vidal, exalumna do centro e Mario Barral de 3º da ESO, co que se puxo o broche final a ese día de reivindicacións. 

NIN UNHA MENOS!!












mércores, 17 de novembro de 2021

PREPARANDO O DÍA DOS DEREITOS DOS NENOS E NENAS

Achégase o 20 de novembro e na biblio xa temos preparada unha exposición de libros escollidos expresamente polo equipo da Biblioteca. Está decorada con frases escollidas polo alumnado.  A ver se adiviñades que dereitos dos nenos agochan!




Como?! Que non sabedes cales son os dereitos dos nenos e nenas?! Pois neste vídeo poderedes descubrilo:


E para os máis pequenos aquí van algúns exemplos:


O resto de dereitos podedes descubrilos na seguinte ligazón.



xoves, 11 de novembro de 2021

DÍA DO LECTOR E DE NEIRA VILAS

Este 3 de novembro celebramos o Día do Lector con algunhas reseñas sobre lecturas preparadas polo alumnado da ESO. Aquí tedes un par de exemplos que podedes ver no edificio de Secundaria:


Tampouco quixemos esquecernos do noso querido Xosé Neira Vilas, ao que lle renderon homenaxe na sección de Primaria:



Vémonos na biblio!








martes, 2 de novembro de 2021

HISTORIAS DE MEDO PARA UN SAMAGOSTO TERRORÍFICO

 Chegou a semana do Samagosto e desde a biblioteca queremos compartir con vós uns fabulosos relatos de terror escritos, narrados e ambientados polo alumnado de 3º da ESO especialmente para a ocasión. 

Traballaron arreo para rematalos e facernos pasar un Samaín de medo, así que non perdades máis tempo e premede na imaxe para poder escoitalos e pasar un rato terrorífico!




O alumnado de Infantil non se quedou atrás e tamén disfrutou dun contos de terror cada día durante toda esta semana. Unha semana de medo!






martes, 26 de outubro de 2021

CELEBRAMOS O DÍA DA BIBLIOTECA!

Celebramos onte o Día da biblioteca cos nosos compañeiros da Biblioteca Municipal do Concello de Boqueixón. O alumnado de Infantil e de 3º da ESO puideron disfrutar de actividades de animación á lectura (lectura de contos e busca do tesouro) e dunha breve explicación do funcionamento e as posibilidades da biblioteca. Aquí tedes unha pequena mostra:


Moitas grazas a Raquel por atendernos tan ben!

domingo, 24 de outubro de 2021

DÍA DAS BIBLIOTECAS

 Para celebrar este Día das bibliotecas mañá visitaremos a Biblioteca Municipal do Concello de Boqueixón para celebralo con eles realizando algunhas actividades de animación á lectura.

Para ir abrindo boca, hoxe queremos compartir con vós diversos recursos onde poderedes consultar fondos online de arquivos de institucións, históricos... que non son de doada consulta en formato físico.

Catálogos Biblioteca Nacional de España

Hispana. Aquí atoparedes coleccións dixitais de arquivos, bibliotecas e museos españois.

Biblioteca Dixital de Galicia

Europeana. Aquí atoparedes todo tipo de fondos organizados por temáticas.

Minerva. Repositorio da Universidade de Santiago de Compostela.

Biblioteca Virtual Galega

Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego

Orella pendella. Páxina de difusión da literatura popular infantil de Galicia


Disfrutádeos e pasade un feliz día!




xoves, 21 de outubro de 2021

SEMANA DAS ESCRITORAS

Velaquí tedes o fabuloso traballo realizado polo noso alumnado co gallo do Día das Escritoras. En Infantil e Primaria optaron por escoller algunhas das súas escritoras favoritas e realizar un mural con información sobre a súa vida e obra. O alumnado de Infantil encargouse da decoración das letras.




En Secundaria o alumnado colaborador da biblioteca realizou este fantástico mural sobre Emilia Pardo Bazán, incluíndo citas célebres da autora:


Pasade a velos e descubride algúns dos seus libros!

luns, 18 de outubro de 2021

POÑÉMONOS EN MARCHA COAS ESCRITORAS

Na biblioteca poñémonos en marcha e recibimos este novo curso celebrando a semana das escritoras, con exposicións sobre diversas autoras como Emilia Pardo Bazán, Paula Carballeira, Antía Yáñez e Fina Casalderrey. Grazas ao equipo de biblioteca e á investigación do alumnado colaborador ides descubrir moitas cousas interesantes sobre estas autoras. Aquí vos deixamos unha pequena mostra do que poderedes ver estos días.




Ademais queremos lembrarvos que seguiremos o protocolo do curso pasado, tanto no acceso á biblioteca coma no préstamo. Podedes consultalo aquí abaixo:



Vémonos na biblio!




venres, 18 de xuño de 2021

RECOMENDACIÓNS PARA O VERÁN 2021

Estamos a piques de rematar o curso e desde a biblioteca sabemos que xa estades a buscar entretementos para este verán. Para botarvos unha man, propoñémosvos estas recomendacións que podedes pasar a recoller estes últimos días de clase e levar para a casa ata o mes de setembro.

Como sabedes, temos moitos máis materiais que poderiades levar tamén. 

Pasade a descubrilos!!



mércores, 9 de xuño de 2021

ILUSTRANDO HISTORIAS

 O alumnado de Infantil e Primaria estiveron ilustrando algunhas historias. Queremos compartilas con vós para que as disfrutedes!






mércores, 12 de maio de 2021

CELEBRANDO AS LETRAS GALEGAS

 Co gallo das Letras Galegas, desde a biblio e en colaboración co departamento de Lingua Galega e o alumnado de 1º da ESO, preparamos estas ilustracións do poema "Trouxen augamel para agasallarte" da homenaxeada, Xela Arias.

Aquí tedes o poema:

TROUXEN AUGAMEL PARA AGASALLARTE e senteime na escada á agarda.
Non chegabas nunca e cansaba.
Cosín cun fío os pensamentos todos e abrín a porta.
Saín. fun por tras de min deixando as pegadas no chan.

e se tantas voltas viaxo de nervio aprisionado
se xiro terras e metais lenzos abertos
entrelazados
se escandalizo o interior derroto peixes lubinas 
caranguexos

é que teño o corazón de auga derretida desbordando
vasos e piscinas
e veñen as augas zoando coma corsarios
dos mares da palabra.

E velaquí a nosa versión ilustrada:



Tamén podedes disfrutar dun par de exposicións coas que poderedes descubrir moita información sobre Xela Arias e a súa obra:



E se queredes afundirvos na súa obra podedes pasar pola biblio e gozar con algúns dos seus escritos:





Bo Día das Letras Galegas!


sábado, 1 de maio de 2021

LIBROS VOADORES

Desde a biblio queremos compartir estos estupendos libros voadores que preparou o alumnado de Infantil e Primaria. Pasade polo seu edificio para disfrutalos!






xoves, 22 de abril de 2021

MOSAICO LITERARIO

Todas as lecturas da nosa vida van construíndo as persoas nas que nos convertemos. Desde o equipo da biblioteca recollemos esta idea e elaboramos este mosaico. Para descubrir os títulos que propoñemos só tedes que premer na imaxe e ir acercándovos. Comentádenos se hai algún que botedes en falta 😉




mércores, 21 de abril de 2021

E TI, QUE LECTURA NOS RECOMENDAS PARA O DÍA DO LIBRO?

Como xa sabedes, este venres 23 celebramos o Día do Libro. O alumnado voluntario da biblioteca púxose mans á obra e decidiu realizar este vídeo pedindo recomendacións lectoras para disfrutar neste día. 

Acompañádenos a descubrilas!



venres, 2 de abril de 2021

DÍA DA MULLER

Pasou este 8 de marzo cheo de actividades e exposicións que se realizaron en colaboración co resto de equipos de dinamización do centro e de materias.

En primeiro lugar rematamos de decorar as escaleiras de Secundaria con nomes de mulleres, en colaboración co equipo de actividades extraescolares e a materia de Plástica. Unha boa maneira de inspirar ás nenas ao entrar en clase.


Na sección de secundaria o alumnado voluntario elaborou unha selección de libros protagonizados por mulleres, que se plasmou na seguinte exposición:


En Primaria optaron por facer unhas vistosas maletas viaxeiras cheos de libros adicados ou protagonizados por mulleres, incluíndo algúns de Rosalía.


Por último, o alumnado da ESO tamén quixo facer a súa contribución buscando información sobre diferentes mulleres importantes da Historia e facendo algunhas reflexións sobre a figura da muller nos nosos días.



Ademais, coma sempre, a biblioteca colaborou propoñendo materiais de traballo sobre o tema.

Xuntas podemos!

venres, 5 de marzo de 2021

DÍA DE ROSALÍA

Co gallo do Día de Rosalía, o alumnado de Primaria preparou a biblioteca para a ocasión elaborando un mural de pop-art moi logrado e unha porta "mosaico" fantástica que axudaron a facer os rapaces de sexto de plástica.

Aquí vos deixamos o fabuloso resultado:







xoves, 4 de marzo de 2021

PREPARAMOS O 8 DE MARZO

 Ola a tod@s!

Xa se está achegando o 8 de marzo e desde a biblioteca queremos sumarnos á celebración propoñéndovos algunhas actividades interesantes.

En primeiro lugar, o alumnado voluntario na biblio preparou este mural dixital con algúns temas musicais relacionados coa muller. Animádevos e incluíde cancións que vos gusten e vexades que faltan. Só tedes que facer dobre click e engadir a ligazón ao vídeo en cuestión.

Hecho con Padlet

Ademais, queremos detectar eses micromachismos que nos perseguen na vida diaria e que é conveniente erradicar o antes posible. Cóntanos algunha experiencia deste tipo que viviras ou presenciaras, grávaa nun audio e envíaa ao mail da biblio: biblioforte@gmail.com. Faremos unha recompilación que publicaremos nos próximos días.

Para inspirarvos deixámosvos este vídeo realizado por alumnas de Bacharelato:


Finalmente, lembrarvos que se pasades pola biblio (tanto pola sección de Infantil e Primaria coma de Secundaria) atoparedes unha selección de libros protagonizados por mulleres que paga a pena ler. Pasade a descubrilos!


sábado, 13 de febreiro de 2021

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA EN INSTAGRAM

 Ola a tod@s!

Como xa sabedes, a nosa biblioteca estreou a súa conta de Instagram propoñéndovos un concurso de fotografía sobre a paz.

Pois ben, xa temos gañadoras: Ainoa Penas e Ainoa Rouco, que recibirán o seu agasallo na biblio o xoves 18 durante o segundo recreo.

Noraboa!




DÍA MUNDIAL DA RADIO

Hoxe celebramos o Día Mundial da Radio. Proponse a data do 13 de febreiro por ser a da creación da Radio Nacións Unidas no ano 1946.

No noso centro quixémolo conmemorar estudando as características das distintas emisoras de radio e realizando na biblio algúns podcasts de diferentes tipos de programas con temática musical.

Aquí podedes escoitar o resultado:

Programa de música clásica

Programa de radiofórmula

Programa de emisora xeralista

Programa de música alternativa

Feliz Día da Radio!

mércores, 10 de febreiro de 2021

DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

 A ONU (Organización de Nacións Unidas) estableceu o 11 de febreiro como o "Día Internacional da muller e a nena na ciencia" como recoñecemento ao importante papel que tiveron as mulleres na ciencia e na tecnoloxía e para lograr a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e nenas, loitando así pola igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas.

Para conmemoralo propoñémosvos unha serie de lecturas que xa están na biblioteca para que coñezades máis algunha destas figuras:


Tamén podedes ver esta serie de animación sobre diferentes científicas: https://mujeresconciencia.com/2019/11/19/serie-de-animacion-la-mujer-en-la-ciencia/

E convidarvos a visitar esta exposición virtual onde coñeceremos algunha destas figuras:

https://exxperimentaenfeminino.webs.uvigo.es/exposicion-virtual_gal/

Ademais queremos solidarizarnos coa campaña #NoMoreMatildas, da Asociación de Mujeres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT), que pretende denunciar as consecuencias do chamado efecto Matilda, polo que non só se negan as aportacións e traballo de moitas mulleres científicas, senón que se da a súa autoría a compañeiros de investigación, que levan os méritos do traballo.

Para saber máis sobre esta campaña pinchade no seguinte vídeo:










CELEBRACIÓN DÍA DA PAZ

Por mor do mal tempo o 1 de xaneiro celebramos o Día da Paz. Tivemos exposicións de símbolos da paz, elaborados polo alumnado de Valores e Relixión conxuntamente; de pombas da paz que elaboraron as titorías de 1º da ESO.








Tamén os departamentos de Ed. Física e Música organizaron unha coreografía para o tema "Jerusalema" que quixeron interpretar malia o mal tempo. 


O resultado do concurso de fotografía proposto desde o Instagram da biblioteca coñecerase en breve.

Noraboa a todxs xs participantes!














xoves, 28 de xaneiro de 2021

DÍA DA PAZ E DA NON VIOLENCIA

O próximo 30 de xaneiro celebrarase o Día Escolar da Paz e da Non Violencia e por suposto, desde a biblioteca queremos sumarnos ás conmemoracións.

Estivemos colaborando cos departamentos de Ed. Física e Música na organización dunha coreografía que se representará o día 29 de xaneiro durante o 2º recreo sempre que o tempo o permita. De non ser o caso, realizarase o luns 1 de febreiro.

Ademais, queremos anunciarvos que queremos inaugurar o instagram da biblioteca organizando un concurso de fotografía para alumnado do centro. O lema do concurso é "Fotos para a paz" e participar é moi sinxelo, só tedes que subir a Instagram unha foto que inspire paz, non violencia ou amor mencionando o Instagram da biblioteca (@biblioforte) e fichándoa co hashtag #Paz2021cpiantonioorzacouto.

Tedes de prazo ata o domingo 7 de febreiro. Animádevos e vémonos nas redes!!