Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

venres, 22 de decembro de 2023

Por iniciativa da Coordinación da Biblioteca, coa colaboración dos departamentos de Plástica e Lingua Galega e Literatura, o alumnado secundaria do CPIP Antonio Orza Couto participou elaborando viñetas ou postais con temática e mensaxes relacionadas con estas datas de finais de ano.




ESPECTÁCULO UNIPERSOAL "GOLPES"

 O alumnado de 3º ESO e 4ºESO asistiu esta semana ao espectáculo unipersoal con Estíbaliz Veiga contra a violencia machista "Golpes",  da compañía de teatro aAntena. Esta representación chega ao noso centro polo Plan Proxecta "365 días de convivencia e igualdade" co que colabora a nosa biblioteca.




A XERACIÓN NÓS A TRAVÉS DE PATRICIA ARIAS CHACHERO

 O luns 18 de decembro o alumnado de 4ESO do CPIP Antonio Orza Couto puido conversar con Patricia Arias Chachero, "para ledicia de todos e para enseño de moitos", sobre o seu libro Antoloxía escolar da época Nós, co que traballaron esta avaliación. 

A través deste encontro na Biblioteca Xosé Neira Vilas do noso centro puideron achegarse ao contexto no que xurdiu a Xeración Nós, falar dos seus autores principais e comentar algúns dos seus textos.



TALLER DE VIOLENCIA DE XÉNERO NO NOVO CONTEXTO DIXITAL

 O alumnado de 1ºESO e 2ºESO asistiu esta semana ao taller "Violencia de xénero no novo contexto dixital" do equipo de convivencia e igualdade Pantallas Amigas, a través do Plan Proxecta "365 días de convivencia e igualdade" no que colabora a Biblioteca Xosé Neira Vilas.




martes, 19 de decembro de 2023

A de historias que suceden no Nadal!


Por iso na biblioteca queremos que te mergulles nalgunha delas, ben cas lecturas recomendadas, as citas literarias ou creando unhas novas a través da banda deseñada.

mércores, 6 de decembro de 2023

O NOSO NOVEMBRO

Pechamos o mes de novembro celebrando o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Pero foi un mes moi activo no que, ademais das actividades programadas, puidemos colaborar nas iniciativas dos diferentes equipos de dinamización e departamentos do Centro.

venres, 10 de novembro de 2023

ENCONTRO COA POETA MÍRIAM FERRADÁNS

Ningún paxaro é feliz entre as redes pero
quen pode liberarse da forza que o cativa?

O alumnado de 4ESO do CPIP Antonio Orza Couto puido compartir unha sesión de conversa coa poeta Míriam Ferradáns, grazas ao programa “Encuentros literarios” de La Dirección General del Libro, del Cómic y de la Lectura, nun encontro que souberon aproveitar ao máximo.


Míriam achegouse a elas e eles dende o espazo da palabra nun marco ideal, o da nosa Biblioteca Neira Vilas, e fíxoo cun percorrido pola súa traxectoria poética ao tempo que esa mesma poesía era parte da conversa e interacción co alumnado.                                                    Puideron entender o curso da escrita poética da man dunha poeta real, que os levou a través da súa presenza máis alá do que os libros lles contan e mesmo lles fixo ver como é a responsabilidade que supón a escrita de poesía fronte a outros xéneros literarios, tanto no eido máis persoal coma no compromiso social.                                                          A sesión foi en parte tamén un convite a romper as barreiras fronte á poesía e a entendela dende a lectura máis persoal. 
Ao longo do encontro Míriam fixo referencia aos seus versos e o alumnado participou da conversa con intervencións, xuntanza que chegou ao seu remate coa lectura que a poeta fixo duns versos do libro Deshabitar unha casa.
Agardamos poder seguir desfrutando de experiencias tan bonitas coma a de hoxe, parte dun ensino público e de calidade.

 










mércores, 1 de novembro de 2023

3 DE NOVEMBRO DÍA DE NEIRA VILAS

O noso alumnado participará no encontro co escritor Xosé Manuel Lobato  para celebrar o Día do Lector e a data de nacemento do escritor Xosé Neira Vilas, que da nome á biblioteca do Centro.

Neste curso 2023/2024 cúmprense dez anos da visita que Xosé Neira Vilas fixo ao noso centro, un encontro que queremos lembrar con vós aproveitando esta data a través deste vídeo da Semana Cultural do curso 2013-14, cando lle demos o seu nome á nosa Biblioteca. 

martes, 31 de outubro de 2023

domingo, 29 de outubro de 2023

Charla coa poeta MÍRIAM FERRADÁNS

 

Eu, para ti, quería unha pirámide.

A poeta galega Míriam Ferradáns visitará o CPIP Antonio Orza couto o vindeiro 9 de novembro a través do programa “Encuentros Literarios” solicitado polo Departamento de Lingua Galega e Literatura do CPIP Antonio Orza Couto en colaboración coa Biblioteca Xosé Neira Vilas do noso centro. Este programa está organizado polo Ministerio de Cultura y Deporte e pola Dirección General del Libro, del Cómic y de la Lectura.



A poeta bueuesa, concretamente da parroquia de Bon, en Beluso, conta cunha intensa actividade poética, tanto na publicación de libros como Nomes de fume (traducida ao catalán e castelán), Habitar unha casa ou Agosto, que recibiron diversos premios literarios, como na doutros textos soltos, charlas, obradoiros e xurados. Ademais recibiu premios xornalísticos polos textos Dalias e Un maínzo de sal, publicados en Sermos Galiza - Nós Diario.

Míriam conversará co alumnado de 4ESO sobre o seu proceso creativo e a súa obra e achegará así un anaquiño da intensa produción poética de grande calidade que está asentada xa hai tempo no espazo galego e que verte poesía a outras linguas. Pero sobre todo será unha oportunidade para o noso alumnado de achegarse á persoa e á poeta que será quen de transmitirlle o valor da palabra e do silencio na poesía, na escrita e na lingua galega.

mércores, 25 de outubro de 2023

CELEBRAMOS O DÍA DAS ESCRITORAS 2023

Para celebrar o Día das Escritoras, dende a Biblioteca Xosé Neira Vilas organizamos unha exposición de libros elixidos entre o alumnado colaborador e o profesorado dos Departamentos de Lingua Galega, Lingua Castelá, Inglés e Francés.


venres, 13 de outubro de 2023

A NOSA BENVINDA!

Iniciamos este novo curso 2023-2024 coa visita dos alumnos e alumnas do 1º da ESO.
Á parte de que este primeiro contacto lles serviu para coñecer a nosa Biblioteca Neira Vilas e comezar a familiarizarse con ela, recibiron os seus carnés e xa puideron levar algúns libros prestados.
Agardamos que este sexa un espazo de referencia, aproveitamento e goce para todos eles e elas nesta nova andaina educativa.





martes, 30 de maio de 2023

ENCONTRO COA ESCRITORA RAQUEL CASTRO

O alumnado de 2ESO do CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto tivo a oportunidade de falar coa escritora Raquel Castro sobre o seu libro de teatro Dormente.

Raquel compartiu co alumnado o contido de Dormente e a razón dos comportamentos dalgúns dos seus personaxes, entre os que atopamos a Bela, que se fai a durmida cansa de que dirixan a súa vida e a queiran espertar cun bico non consentido; Branca, que non quere casar con quen lle mandan nin vivir con sete ananiños; Malévola e o seu fillo; o Rei e a Raíña; e mesmo os detectives Amara e Xerlo. É unha ruptura cos estereotipos que trasladan estas mesmas personaxes nos contos clásicos, adaptados agora para unha lectura crítica do noso alumnado como parte dunha sociedade moderna e formada (ou así debería ser).

O alumnado de 2ESO participou de maneira atenta, e ao mesmo tempo activa, en toda a sesión e mesmo houbo quen se atreveu coa interpretación da obra.

Agardamos que estas experiencias contribúan ademais a valorar a grande calidade de produción literaria en todos os xéneros que temos na lingua propia.





mércores, 24 de maio de 2023

17 de MAIO - DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Para celebrar este día, o alumnado de 2º da ESO realizou unha actividade vinculada á aprendizaxe de léxico en lingua galega, confeccionando nubes de palabras iniciadas por cada unha das letras do noso alfabeto. Os resultados están expostos no panel situado cerca da biblioteca. 

Ademais podemos visitar a exposición sobre o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023, Francisco F. do Riego, tanto en Primaria como en Secundaria. 



venres, 28 de abril de 2023

UNHA EXPOSICIÓN PARA CELEBRAR O DÍA DO LIBRO

Para celebrar o Día do Libro, a nosa biblioteca, coa implicación dos distintos departamentos, promoveu obradoiros de escrita de haikus nas clases de Lingua Galega, Lingua Castelá, Inglés e Francés. Para ilustralos contaron coas clase de Plástica.

O resultado estará exposto durante o mes de abril na entrada do edificio de Secundaria

Ademais, o alumnado de Oratoria organizou unha exposición de libros que recomendan, realizando un vídeo onde explican as súas recomendacións. Para ver o vídeo, pica aquí

Seguen as fotos da exposición.








luns, 3 de abril de 2023

luns, 13 de marzo de 2023

AGASALLOS POLO DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO

Por aquí vexo un camiño
que non sei a onde vai;
polo mesmo que n’o sei,
quixérao poder andar.
(Rosalía)

A semana pasada entregáronse na Biblioteca ‘Neira Vilas’ do CPI Antonio Orza Couto diversos premios relacionados coa celebración do Día de Rosalía, o 23 de febreiro.
Por unha banda, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro, ademais de agasallar a todo o alumnado de secundaria cun fermoso marcapáxinas da autora, fixo un  sorteo entre os e as participantes nunha actividade na que tiñan que buscar información sobre a autora en diferentes paneis localizados nos corredores do primeiro andar.
Os galardoados foron: Uxía Quintela Calvo de 2ºESO, Tania Rúa López de 3ºESO A e Aitor Jamardo Rodríguez, de 4ºESO.
Por outra banda, a Biblioteca Neira Vilas, o Departamento de Lingua Galega e Literatura e o Departamento de Plástica, organizaron dúas actividades co gallo do Día de Rosalía. O alumnado de 1º e 2º ESO puido ilustrar, mediante a técnica do trazo, un fragmento dun poema de Rosalía entre unha selección. No caso do alumnado de 3º e 4º ESO tiñan que facer un videopoema dun texto da autora en galego.
Resultaron premiados nestas actividades: Pablo Mateo Mateo (1ºESO), Manuel Rey Dourado (1ºESO) e Andrea Rosende Sánchez (4ºESO). 
Parabéns para todo o alumnado participante e agardamos que desfrutaran das actividades.

mércores, 8 de marzo de 2023

8 de MARZO

 

O día 8 de marzo no CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto conmemoramos o Día Internacional da Muller cunha Instalación Artística sobre personalidades femininas que destacaron nos diferentes ámbitos.

   
A actividade foi promovida polo equipo da biblioteca e coordinada polas profesoras e profesores dos distintos departamentos do Centro. O alumnado da E.S.O. realizou  un traballo de investigación sobre as mulleres para poder confeccionar fichas que formarán parte dun arquivo de mulleres notables e que estará a disposición para a súa consulta na biblioteca do Centro. 
O material producido foi organizado en formato “instalación artística” na entrada do edificio de secundaria de modo que todas e todos os que entren no Centro poidan desfrutar da exposición de maneira interactiva, xa que é posible “entrar” no espazo creado para acceder á lectura da información. 
O alumnado de 1º da ESO, ademais de traballar nas fichas, colaborou facendo unhas orixinas flores de papel durante as clases de Plástica, completando así a composición. 






sábado, 25 de febreiro de 2023

23 de FEBREIRO: DÍA de ROSALÍA

 


Para celebrar o 23 de febreiro, día da nosa querida Rosalía de Castro, os nenos e nenas de Educación Infantil e Primaria fixeron, coa colaboración da profesora de Educación Artística, unha árbore con follas de cartón reciclado e poemas de Rosalía, configurando un recuncho moi especial na biblioteca, onde poderán sentar (debaixo da árbore) para ler.

En Secundaria organizamos, en colaboración co Departamento de Lingua Galega e Plástica, un concurso de ilustracións e vídeo-poemas de versos da nosa grande poetisa. 
As ilustracións foron expostas na porta da Biblioteca, xuntamente cunha selección de libros da autora.



sábado, 4 de febreiro de 2023

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E DA PAZ

 


Para celebrar este día tan importante, tivemos un acto promovido pola biblioteca e organizado polo alumnado de Oratoria que contou co apoio de todos os departamentos do centro.
Comezamos escoitando o discurso elaborado polas alumnas Meseret Tomé, Uxía Otero e Antía Rendo de 3º da ESO.



Todos e todas participaron na confección do noso “Mural Pola Paz” onde están expostas as frases que o alumnado de secundaria estivo recopilando e creando. O mural foi decorado polo alumnado de 4º da ESO que preparou graffitis de siluetas de persoas, representando o desexo de Paz da nosa comunidade escolar, dentro e fóra das escolas e, principalmente, nas sociedades de todo o mundo.




Para rematar, os alumnos e alumnas presentes foron convidados a lanzar un avión de papel, confeccionado por cada un e cada unha, á “Diana da Paz”, realizada polas alumnas de Valores Éticos de 2º da ESO.


En  Educación Primaria destacamos o valor da paz fronte as guerras e as pelexas. Por iso, o alumnado colaborou creando un mural representativo dos valores que perseguimos neste 30 de xaneiro; todo acompañado dunha bibliografía especial que acúdase aos nenos e nenas a comprender a problemática de guerra e o valor da non violencia e paz.




 
E así, escribimos a paz no noso Centro.