Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

martes, 30 de maio de 2023

ENCONTRO COA ESCRITORA RAQUEL CASTRO

O alumnado de 2ESO do CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto tivo a oportunidade de falar coa escritora Raquel Castro sobre o seu libro de teatro Dormente.

Raquel compartiu co alumnado o contido de Dormente e a razón dos comportamentos dalgúns dos seus personaxes, entre os que atopamos a Bela, que se fai a durmida cansa de que dirixan a súa vida e a queiran espertar cun bico non consentido; Branca, que non quere casar con quen lle mandan nin vivir con sete ananiños; Malévola e o seu fillo; o Rei e a Raíña; e mesmo os detectives Amara e Xerlo. É unha ruptura cos estereotipos que trasladan estas mesmas personaxes nos contos clásicos, adaptados agora para unha lectura crítica do noso alumnado como parte dunha sociedade moderna e formada (ou así debería ser).

O alumnado de 2ESO participou de maneira atenta, e ao mesmo tempo activa, en toda a sesión e mesmo houbo quen se atreveu coa interpretación da obra.

Agardamos que estas experiencias contribúan ademais a valorar a grande calidade de produción literaria en todos os xéneros que temos na lingua propia.





mércores, 24 de maio de 2023

17 de MAIO - DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Para celebrar este día, o alumnado de 2º da ESO realizou unha actividade vinculada á aprendizaxe de léxico en lingua galega, confeccionando nubes de palabras iniciadas por cada unha das letras do noso alfabeto. Os resultados están expostos no panel situado cerca da biblioteca. 

Ademais podemos visitar a exposición sobre o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023, Francisco F. do Riego, tanto en Primaria como en Secundaria.