Día do Científico Galego 2014
A Real Academia Galega das Ciencias ( RAGC) homenaxea ó científico Luis Iglesias Iglesias
Foi o naturalista que describiu a vida social das formigas
Catalogou novas especies de insectos e loitou contra as pragas agrícolas
O naturalista
Luis Iglesias será o protagonista
este ano do Día do Científico
Galego. A Real
Academia Galega de Ciencias (RAGC)
aprobou por unanimidade a elección de Iglesias pola súa
contribución á entomoloxía
e á loita contra as pragas agrícolas causadas tanto por insectos
como por fungos, cunha especial atención a Galicia.
Luis Iglesias
dálle nome ao Museo de Historia
Natural da Universidade de Santiago
(USC), a colección de patrimonio histórico-científico máis
importante de Galicia, que ten previsto reabrir as súas portas na
súa nova sede en datas moi próximas, coincidindo con esta
celebración. O museo fora creado no século XIX, pero logo dunha
etapa de decadencia polo abandono das autoridades universitarias e
políticas recuperou o seu esplendor a principios do século XX en
gran medida grazas á achega de Iglesias, que contribuíu cunha
colección de cerca de 6.000
insectos clasificados e documentados.
A RAGC organiza este ano a
sétima edición do Día do Científico Galego, co que a comunidade
científica galega quere homenaxear as figuras máis destacadas da
súa historia, difundindo a súa contribución para que a
opinión pública poida
percibir, a través dos exemplos máis destacados do pasado, o
prestixio actual da
investigación en Galicia e a
necesidade de investir recursos nela para que o seu potencial sexa
cada vez maior de cara ao futuro.
Logo de lembrar en edicións
anteriores as figuras do matemático Enrique
Vidal Abascal, do
xeólogo Isidro Parga
Pondal, do enxeñeiro agrónomo
Cruz Gallástegui,
do astrónomo Ramón María
Aller Ulloa, do químico
Antonio Casares
e do humanista Padre Feijoo,
este ano homenaxéase a figura máis destacada das Ciencias Naturais
en Galicia.
Achados na fauna galega
Luis Iglesias Iglesias naceu
na parroquia de Teis(Vigo) en
1895
e faleceu na cidade de Pontevedra en 1976. Aínda que comezou a
carreira de Medicina na Universidade
de Santiago de Compostela por
tradición familiar, pronto se sentiu fortemente atraído polas
Ciencias Naturais,
ás que finalmente orientou os seus estudos a pesar da oposición
inicial por parte do seu pai. Licenciouse en Madrid
en 1917 e de volta en Santiago completou tamén a carreira de
Medicina, aínda que só exercería como médico na guerra
de Marrocos.
Iglesias descubriu novas especies de insectos e
estudou a súa forma de vida
Mediante a súa tese de
doutoramento, Iglesias foi o primeiro investigador en catalogar en
España a familia de insectos coñecidos como curculiónidos,
formada por gurgullos e picudos. A súa enumeración consiste en 135
xéneros con 1.117 especies destes insectos,
moitos deles causantes de pragas moi prexudiciais para diferentes
tipos de cultivos agrícolas. Este sería un dos detonantes que
orientaron máis adiante o labor de investigación aplicada que
Iglesias levou a cabo para controlar e erradicar estas e outras
pragas.
Logo de doutorarse, o
científico galego completou a súa formación en Italia.
Durante os anos 30 fixo varias estancias de investigación en
institutos de Nápoles, Roma, Florencia e Boloña. Nesta etapa
iniciouse nos coñecementos que lle permitirían achegar os seus
descubrimentos no campo dos insectos (entomoloxía) ás aplicacións
agrícolas.
Ao seu regreso a Galicia,
Iglesias exerceu como docente no Instituto de Segunda Ensinanza de
Santiago, onde en 1928 se fixo coa Cátedra
de Historia Natural, Fisioloxía
e Hixiene, Xeoloxía e Bioloxía. En 1932 acadaba a Cátedra
de Bioloxía Xeral da Facultade
de Ciencias de Santiago, que ocupou ata a súa xubilación en 1965.
O seu labor investigador sobre
os insectos foise centrando co paso dos anos na fauna galega, con
descubrimentos significativos
no campo dos coleópteros, concretamente os das
familias Carabidae, Cerambycidae e Chrysomelidae.
Son especialmente valiosos os seus estudos sobre o comportamento
destes e outros insectos, que documentou en obras como “Escenas de
la vida de los insectos” e “La
vida social en el hormiguero”.
Loita contra as pragas
O seu traballo sobre as
langostas españolas, os seus parásitos e os medios para combatelas,
xunto con outro sobre as principais enfermidades
das plantas de interese
agrícola e a maneira de erradicalas convertérono nun entomólogo
experto de referencia na loita contra as pragas dos insectos no
campo.
Neste ámbito, Iglesias
colaborou coa empresa Zeltia
e dirixiu o Laboratorio de Fitopatoloxía e Consultorio de Pragas do
Campo do Instituto de Estudos
Rexionais, que el mesmo axudara
a fundar. Durante cerca de trinta anos, o científico prestou a
través deste consultorio un servizo divulgativo e práctico ao agro
galego na loita contra as enfermidades provocadas nos cultivos por
insectos e fungos.
Iglesias foi membro da Real
Academia Galega (RAG), desde
onde participou na creación da
Real Academia de Ciencias de Galicia (RAGC),
da que foi académico fundador. Ademais, foi reitor da USC en 1936,
presidente do Seminario de Estudos Galegos (SEG) e tamén o primeiro
presidente do Padroado Rosalía de Castro. Tamén lle foi outorgada a
Gran Cruz de Alfonso X El Sabio.
O seu labor investigador e
divulgador foi recoñecido pola USC en 1965, cando se acordou
poñerlle o seu nome ao Museo de
Historia Natural da
universidade. Iglesias púxose á fronte del e continuou o labor de
recuperación e desenvolvemento da colección iniciado polo seu
mentor, Antonio García Varela.
Ningún comentario:
Publicar un comentario