Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

xoves, 30 de xaneiro de 2025

CONVERSA DO ALUMNADO DE 4 ESO CON PATRICIA ARIAS CHACHERO ARREDOR DA XERACIÓN NÓS


Este xoves, 30 de xaneiro, o alumnado de 4ESO do CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto tivo a sorte de poder conversar na nosa Biblioteca Xosé Neira Vilas con Patricia Arias Chachero, profesora e especialista na Xeración Nós, arredor da súa Antoloxía escolar da época Nós, publicada na editorial Galaxia.


Neste encontro revisamos nunha liña do tempo o contexto da Xeración Nós, o Seminario de Estudos Galegos e as Irmandades da Fala. Puidemos retomar as figuras de Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Otero Pedrayo e Castelao, xunto con outros compañeiros de xeración e coñecer algunhas das súas inquedanzas en defensa dunha lingua e cultura propias e como estas se viron truncadas polo estalido dunha guerra entre veciños e a posterior ditadura.


Grazas á Editorial Galaxia por facer posible que poidamos achegarnos 

á realidade máis alá da propia escrita.


XUNTANZA CLUB DE LECTURA 3ºESO

 Abriuse tamén outro libro, o libro da vida e aos mortos  xulgáronos 

polo escrito nos libros, conforme as súas obras. (Apocalipse, 20,10)

Este luns tivo lugar a reunión do Club de Lectura Maravexás de 3º ESO para comentar a obra Comedia bífida de Manuel Núñez Singala. Un texto dun contido profundo e crítico dende a ironía e a comedia, cunha mensaxe clara de defensa da nosa lingua que segue vixente despois de tantos anos e que vimos necesario recuperar para comentarmos desde a actualidade.


Agardámosvos na vindeira lectura!

xoves, 16 de xaneiro de 2025

XUNTANZA CLUB DE LECTURA 4ºESO

Hoxe empeza o movemento rebelde 

"que non te enreden"!

O Club de lectura Maravexás de 4ESO reuniuse na nosa biblioteca coas profesoras Renata e Lidia para falaren das súas impresións trala lectura da obra teatral Fóra de campo de Rosalía Fernández Rial.

                

Na lectura conflúen artes escénicas, plásticas e musicais xunto cunha temática actual e unha linguaxe que deron pé a unha conversa moi interesante que nos soubo a pouco. 

                        

Agardámosvos coa nova lectura... 

domingo, 15 de decembro de 2024

EXPURGO


Compartimos con tod@s vós as nosas recomendacións lectoras para que desfrutedes nestas vacacións! Pica na imaxe para ver o que temos preparado!

https://view.genially.com/675ef55bc0848da4a99a5a44/guide-recomendacions-nadal-2024


mércores, 27 de novembro de 2024

ASÍ PECHAMOS NOVEMBRO!

Novembro foi un mes moi activo no que, ademais das nosas actividades xa programadas, sumámonos á loita pola  eliminación da violencia contra a muller  cunha exposición temática en EP e na ESO que podedes visitar e aproveitar para levar de préstamo os libros do fondo da nosa biblioteca.


Retrocedendo no tempo, ademais das actividades para celebrar o Día de Neira Vilas, impulsamos o proxecto interdisciplinario Día das Escritoras, que se desenvolveu en dous subproxectos, un en Educación Infantil e Primaria e outro na ESO.  Os detalles pódense ver nas respectivas entradas no blog. O Día das Bibliotecas celebrámolo cunha visita á biblioteca do Concello cos grupos do 2º da ESO e do 6º de EP, onde o alumnado participou dun scape room que versaba sobre os libros que leran, mentres que o 2º de EP visitou a biblioteca Anxo Casal en Santiago de Compostela. Ademais, o equipo da biblioteca de Primaria organizou, xuntamente co profesorado de Plástica e titores/as, a elaboración de marcapáxinas que fixeron os nenos e nenas.

Por outra banda, procuramos que neste día cada un dos grupos da ESO tivera polo menos unha clase na biblioteca podendo facer uso dos recursos deste espazo, dinamizando así o desenvolvemento dos contidos que estaban sendo abordados polo profesorado. 

Finalmente, o alumnado de Plástica fixo unha intervención nos corredores pegando nas paredes pequenos libriños de papiroflexia e frechas feitas con páxinas de libros deteriorados e colocados para expurgo onde anotaron frases destacadas de libros que leron.


Un mes bastante intenso!



luns, 4 de novembro de 2024

3 DE NOVEMBRO, DÍA DE NEIRA VILAS

O día 3 de novembro celebramos o Día de Neira Vilas, entrañable escritor que dá nome á nosa Biblioteca e que sempre  lembramos con moito agarimo
Traballouse a súa biografía co alumnado de Educación Infantil e Educación Primaria. Como homenaxe, presentamos os resultados dese pequeno proxecto.
Este vídeo foi elaborado pola titora de 5º de Educación Infantil xunto ao seu alumnado.


Aquí vemos o traballo dos alumnos e alumnas de 1º de EP.
A rapazada do 3º de EP organizouse co seu titor e podedes ver os nenos e nenas lendo poemas nos seguintes vídeos:
                  

 
Temos programada para este mes unha exposición coas súas obras e lecturas dramatizadas de textos extraídos das súas obras, un traballo que será desenvolvido na materia de Lingua Galega.
Neira Vilas foi un dos escritores máis sobranceiros do noso país. A súa vida e a súa obra están marcadas pola emigración, que viviu en primeira persoa en Arxentina e Cuba. Dese sentir nace Memorias dun neno labrego, un dos libros máis famosos das letras galegas. A súa mestría amósase nese e noutros moitos libros que lle valeron o recoñecemento da sociedade galega.