Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

sábado, 8 de novembro de 2025

Entre libros, morcegos, pantasmas e bruxas: así vivimos o Samagosto na nosa biblioteca

Este ano, a nosa biblioteca uniuse á celebración do Samagosto cunha xornada moi especial de creación e lectura. O alumnado da ESO participou nun obradoiro de decoración temática durante os recreos da semana do 27 de outubro, no que empregamos periódicos e outros materiais para transformar a sala nun espazo ambientado no Samaín e no misterio.

Ademais de decorar, preparamos unha exposición de libros sobre temáticas de medo, terror e suspense, que serven como suxerencias de lectura para este período festivo. Foi unha actividade divertida e creativa, na que todos e todas puidemos compartir ideas, decorar e descubrir novas lecturas que nos fan sentir un pouquiño de medo… ¡pero do bo!

  

 



Celebramos o Día de Xosé Neira Vilas

O 4 de novembro conmemoramos no noso centro o Día de Xosé Neira Vilas, autor que dá nome á nosa biblioteca escolar e unha figura fundamental da literatura galega. Este ano quixemos lembrar o seu legado a través de actividades de lectura e convivencia lectora, nas que participou todo o alumnado do centro.

A xornada comezou coa proxección dun vídeo elaborado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG). Este material permitiu achegar a figura de Neira Vilas dun xeito próximo e didáctico, servindo de punto de partida para as actividades posteriores.

En Educación Infantil e Primaria, celebramos ademais a abertura oficial da biblioteca nos recreos dos xoves, inaugurando así o novo horario de uso aberto para todo o alumnado. A partir desta data, cada grupo poderá gozar dos seus “Momentos na biblio”, un espazo para descubrir libros, ler con calma e compartir novas historias. Nesa mesma xornada, as aulas de Infantil e Primaria dedicaron a hora de lectura á obra de Xosé Neira Vilas, participando tamén no maratón lector organizado pola biblioteca.

O alumnado de ESO sumouse igualmente ao maratón, lendo fragmentos de obras do autor durante os primeiros dez minutos da mañá. As lecturas foron compartidas e comentadas co profesorado, nun ambiente de respecto, reflexión e entusiasmo lector.

Foi unha xornada de lembranza e recoñecemento a Xosé Neira Vilas, un escritor que sempre defendeu o valor da lectura, da escola e da palabra como ferramentas para construír unha sociedade máis xusta e consciente. Dende a nosa biblioteca, continuamos o seu legado, facendo da lectura unha ponte que nos une e nos fai medrar.





xoves, 23 de outubro de 2025

O Día das Escritoras foi unha auténtica festa lectora!

Todo o alumnado do centro — desde Educación Infantil ata ESO — participou en distintas actividades de dinamización e difusión lectora coas que celebramos esta data tan especial. Cada grupo traballou arredor dunha escritora, coñecendo un pouco sobre a súa obra e aproximándose á lectura desde diferentes perspectivas creativas e participativas. Foron sesións cheas de interese, descubrimentos e bo ambiente lector, nas que o alumnado puido achegarse á literatura escrita por mulleres e valorar a diversidade das súas voces. En cada aula, o profesorado ideou propostas diferentes: houbo escape rooms literarios, lecturas compartidas, murais, carteis e actividades plásticas arredor das autoras. Como elemento común, todos os grupos montaron un crebacabezas coa imaxe da escritora que lles correspondía, enchendo os corredores de cores, palabras e ilusión.

martes, 14 de outubro de 2025

Un percorrido polo Reino Unido… dende a nosa biblioteca!

O pasado luns 6 de outubro, o alumnado de 1º e 2º da ESO reuniuse na biblioteca da ESO para participar nunha actividade moi especial promovida polo Departamento de Inglés. Da man de Johnny Flynn, puideron descubrir os países que forman o Reino Unido e coñecer moitos aspectos curiosos sobre a súa cultura.
Durante a sesión, aprenderon a recoñecer as bandeiras e os símbolos nacionais, falaron sobre a Familia Real británica, a gastronomía típica e outros detalles da vida cotiá en Gran Bretaña, todo isto dun xeito ameno, visual e interactivo.
Unha experiencia divertida e enriquecedora que demostra que a nosa biblioteca é tamén un espazo para aprender, compartir e viaxar sen saír do centro.


luns, 13 de outubro de 2025

Hoxe celebramos o Día das Escritoras

Hoxe, na nosa biblioteca escolar, sumámonos á conmemoración do Día das Escritoras, unha xornada dedicada a visibilizar o traballo das mulleres na literatura e a reivindicar a súa voz ao longo da historia.

Co gallo desta celebración, ao longo do día desenvolveremos diferentes actividades de dinamización e difusión lectora, co obxectivo de poñer en valor a creación literaria feita por mulleres e fomentar entre o noso alumnado unha mirada crítica e igualitaria sobre a cultura escrita.

Animamos a toda a comunidade educativa a participar, descubrir novas voces femininas na literatura e celebrar con nós este día de forma activa e consciente.

 

Porque celebrar ás escritoras é tamén unha maneira de darlles voz, memoria e futuro.





martes, 30 de setembro de 2025

Reabrimos a nosa Biblioteca Neira Vilas cun novo espazo!

Comezamos este curso 2025-2026 con moi boas novas: a reapertura da Biblioteca Neira Vilas, que estrea un espazo máis amplo e renovado, no que agora se atopan xuntos todos os fondos da ESO.

Para inaugurar este novo espazo, recibimos a visita do alumnado de 1º da ESO, que tivo así o seu primeiro contacto coa biblioteca do centro.

Durante a xornada puideron coñecer de primeira man como funciona: aprenderon a localizar os libros e descubrir como están organizados, recibiron as normas básicas de uso e, por suposto, xa aproveitaron para levar os seus primeiros préstamos. Foi unha experiencia ilusionante, tanto para eles e elas como para o equipo da biblioteca, que está moi contento coa reabertura e coa acollida do alumnado. 


Esperamos que a biblioteca siga sendo un espazo de referencia para toda a comunidade educativa, un lugar vivo onde atopar boas lecturas e novas experiencias.



domingo, 28 de setembro de 2025

BENVIDA AO NOVO CURSO CUN PREMIO NACIONAL DE POESÍA PARA GALICIA

 Comezamos un novo curso 2025-26 e a nosa Biblioteca Xosé Neira Vilas está "patas arriba", mais non por nada malo... a desorde é froito de importantes cambios que chegan para facer desta Biblioteca un proxecto aínda máis importante. 

Ademais de reorganizar os nosos fondos e cambiar ao sistema KOHA, temos un espazo moito máis amplo, resultado de anexar outra sala contigua, que axudará a facer da nosa Biblioteca un lugar de encontro para a lectura, traballo, lecer...

Pronto poderedes entrar e desfrutala, mentres tanto inauguramos este curso 2025-26 con enormes parabéns para a poesía galega, pois a poeta galega Miriam Reyes acaba de gañar o Premio Nacional de Poesía co seu poemario  Con. Súmase así a outras poetas galegas que gañaron este recoñecementos nos últimos anos, como foron Pilar Pallarés (2019), Olga Novo (2020), Yolanda Castaño (2023) e Chus Pato (2024).


Comezamos... 

martes, 17 de xuño de 2025

O alumnado de Proxecto Competencial presenta o seu proxecto “Bibliotecando” 📚

O alumnado de 1º da ESO participou este trimestre no proxecto Bibliotecando, unha proposta de aprendizaxe baseada no funcionamento real da nosa biblioteca escolar. Durante as sesións, tiveron a oportunidade de coñecer como se organiza e xestiona unha biblioteca: aprenderon sobre o rexistro de préstamos, a sinalización, a distribución dos fondos e mesmo axudaron na mellora do espazo.

Como proxecto final, crearon campañas para animar á lectura e fomentar o uso da biblioteca. A súa creatividade quedou reflectida en carteis, vídeos e moitas ideas que agora queremos compartir con toda a comunidade educativa.

🔔 Convidámosvos a visitar a biblioteca e descubrir o traballo realizado!



venres, 6 de xuño de 2025

Un broche de ouro para pechar o curso na biblioteca: encontro con Lúa Mosquetera

O pasado 4 de xuño, puxemos o ramo ás actividades da nosa biblioteca cunha cita moi especial: o alumnado de 3º da ESO tivo a oportunidade de compartir un encontro literario e musical coa escritora Lúa Mosquetera, autora do libro El latido es un baile que siento que me estoy perdiendo.

Esta obra, lida e traballada nas clases, foi moito máis alá da lectura: serviu como fonte de inspiración para crear versións musicadas dalgúns dos seus poemas. O resultado foi unha sesión viva, emotiva e chea de talento, onde o alumnado interpretou as súas propias creacións musicais baseadas nos textos de Lúa.

A autora, próxima e entusiasta, falou do seu proceso creativo, da súa relación coa escrita e da forza da poesía como ferramenta de expresión. A conversa fluíu entre lecturas, música e reflexións compartidas, facendo do encontro unha auténtica celebración da palabra e da arte.

Sen dúbida, unha actividade que puxo en valor a capacidade do alumnado para crear, sentir e comunicar, e que pechou o curso coa forza do corazón que late e baila a través da poesía.



FESTIVAL DAS LETRAS

O pasado 20 de maio tivo lugar no Salón Pico Sacro do CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto a celebración da Festa das Letras Galegas, que este ano 2025 está dedicado ao Cancioneiro Popular galego e ás mulleres que crearon cantigas que pasaron de nais a fillas.


Da man de Felisa Segade e Montse Rivera (fundadoras de Leilía), co espectáculo Axúdame a cantar, e seguindo o fío da novela de Marcos Calveiro Agora que vén a noite, o alumnado fixo unha viaxe dende o presente cara ao pasado, para entender de onde vén a música galega actual.

 A continuación, representantes do Concello e do centro educativo entregaron os premios pola participación No XI Certame de Relato Curto Xosé Neira Vilas.



xoves, 29 de maio de 2025

Dobre xuntanza para despedir o club de lectura Maravexás

O pasado día 26 de maio, o club de lectura Maravexás puxo o broche final ao curso 2024/2025 cunha xornada moi especial: dúas xuntanzas, dous grupos de lectoras e lectores, dous libros distintos… e un mesmo espírito de entusiasmo compartido pola lectura.

Cada grupo reuniuse nunha sala diferente para celebrar o seu peche particular, comentando as últimas lecturas e participando en actividades creativas que nos fixeron pensar, sentir e gozar unha vez máis dos libros e da experiencia lectora colectiva.

Foron momentos únicos: reflexións en voz alta, risas, descubrimentos, silencios que falan… e, por suposto, tamén o mural final coas achegas de cada persoa, que deixaron pegada nas paredes e na memoria.

Como lembranza deste encontro e recoñecemento á participación de cada quen, repartimos uns pequenos agasallos simbólicos: cada lector e cada lectora levou consigo "caderniño", coas portadas inspiradas no mundo dos libros, da lectura e das persoas lectoras. Un detalle para seguir anotando ideas, soños ou futuras lecturas.

Dende a biblioteca queremos dar as grazas a todo o alumnado participante polo seu compromiso, curiosidade e enerxía ao longo de todo o curso. Foi unha sorte contar convosco, e agardamos vervos de novo no club o vindeiro ano. Xa sabedes que podedes facer suxestións de libros ou actividades: o Maravexás é un espazo vivo, que construímos entre todas e todos.

Ata entón… deixámosvos coas imaxes desta despedida dobre, chea de emoción e boas lecturas.




luns, 21 de abril de 2025

📚 23 de abril – Día do Libro no CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto 📚

Para celebrar unha data tan especial como o Día do Libro, desde a Biblioteca propoñemos unha reto cheo de imaxinación e amor polos libros. Ao longo da última semana, antes das vacacións de Semana Santa, o noso alumnado estivo a traballar nunha actividade moi creativa: representaron escenas dos libros que estiveron lendo, converténdose por un intre en personaxes das súas lecturas favoritas.

O resultado? Un vídeo cheo de talento e ilusión, no que desafiamos a toda a comunidade educativa a participar dun divertido xogo: seredes capaces de adiviñar a que libro corresponde cada escena? Publicamos tamén, ao final desta entrada, a lista dos libros para facilitarvos a tarefa… e quen sabe, igual ata descubrides unha nova lectura para engadir á vosa lista!

👉 Non deixedes de ver os vídeos da EP e da ESO e poñede a proba a vosa intuición lectora!

       


Aproveitamos esta celebración para lembrarvos dúas ferramentas que nos abren as portas da lectura desde calquera lugar:

🔎 O noso catálogo en liña de fondos bibliográficos:
A través da ligazón https://cpiantonioorzacouto.edubib.xunta.gal/ podedes consultar desde Internet todos os libros dispoñibles na nosa biblioteca e mesmo reservar préstamos comodamente.

📱 Plataforma de lectura dixital "E-LBE.2":
Accedede a unha ampla selección de libros, audiolibros e outros contidos en formato dixital, tanto en liña como sen conexión, grazas á plataforma das bibliotecas escolares de Galicia: https://bega-elbe2.edu.xunta.es/

Esta plataforma está dispoñible para estudantes, profesorado e familias. Os nomes de usuario e contrasinais xa foron repartidos polos titores e titoras, pero en caso de necesitalos de novo, podedes solicitalos á profesora Renata, coordinadora da nosa biblioteca.


🎉 Este 23 de abril, celebremos xuntos o poder dos libros, a maxia da lectura e a creatividade do noso alumnado. Porque ler é soñar con ollos abertos… e no CPI Antonio Orza Couto, soñamos en comunidade.


Lista dos libros da actividade:





ABRIL DE LIBROS

 Todos os días son para celebrar as lecturas, pero é a chegada da primavera a que nos enche de celebracións, empurróns necesarios de palabras poderosas, aquelas que nos convidan a ler, se cadra,  máis aínda!

  
 

"... tremer en seguranza cun medo convulso, notar nos beizos os sabor dos 

labios amados... abrir un libro!".

domingo, 16 de marzo de 2025

XUNTANZA CLUB DE LECTURA 4 ESO: AS ALUMNAS

 Esta semana tivemos un novo encontro do Club de Lectura Maravexás de 4ESO para falarmos da obra dramática de Paula Carballeira, As alumnas.

 O alumnado transmitiu as súas opinións sobre a lectura como se acompañaran a Elvira e Rosa arredor do cadaleito de María Barbeito. Tamén fixeron unha análise da obra e do contexto histórico e social no que se desenvolveu.

Finalmente deixaron anacos das súas supostas conversas no velorio ao que asistían.




Vémonos na vindeira lectura!


domingo, 23 de febreiro de 2025

Celebrando a Rosalía de Castro

En honra ao día de Rosalía de Castro, o 23 de febreiro, a profesora Eva, co seu grupo de Lingua Galega do 1º da ESO, realizou un marabilloso traballo ao redor dos poemas dunha das figuras máis influentes da literatura galega e española, que inspirou a xeracións co seu talento e paixón pola nosa lingua e nosa cultura. Estamos moi orgullosos e orgullosas do esforzo e dedicación do alumnado que participou neste proxecto e agardamos que esta celebración de Rosalía de Castro continúe inspirando a todos e a todas.

Parabéns ao 1º da ESO polo seu excelente traballo! Feliz Día de Rosalía!




Por outra parte, o alumnado de 3º e 4º ESO escolleu poemas de Rosalía para recitar na biblioteca e refixo algúns destes poemas seguindo unha técnica similar ao do cadáver exquisito, cuns resultados claramente curiosos.

  




luns, 3 de febreiro de 2025

PRÓXIMA CHARLA CON ÁLEX ALONSO SOBRE A SÚA OBRA BULLYING

 

O programa “Encuentros literarios” da Subdirección General de Promoción del Libro, la Lectura y las Letras Españolas, do Ministerio de Cultura, trae ao CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto o escritor Álex Alonso, quen conversará co alumnado de 3ºESO sobre a súa obra Bullying, publicada na editorial Xerais.

Álex Alonso (Vigo, 1968) é licenciado en Filoloxía Galega e Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e na actualidade traballa como tradutor intérprete da Administración de Xustiza na Audiencia Provincial de Pontevedra. En 2003 recibiu a mención especial do xurado do XII Certame de Narracións Breves Manuel Murguía pola obra «Estremonías»; en 2010 gañou o VI Certame de Relatos de Muller Matilde Bares por «Xénero imperfecto», e en 2015 resultou gañador do Certame de Narrativa Curta Ánxel Fole con «Tempos de bebidas isotónicas e fast-food» (Xerais, 2016). Coa novela «Granito» (Xerais, 2020) logrou ex aequo o Premio Torrente Ballester, con «Bullying» (Xerais, 2023) volveu gañar o Certame de Narrativa Curta Ánxel Fole no ano 2022, con «O estranxeiro» (Xerais, 2023) conseguiu o XXIX Premio de Novela Curta Manuel Lueiro Rey e con «O teito é de pedra» (Xerais, 2025) quedou finalista do XLI Premio Xerais de Novela 2024.

Agardamos que o encontro sexa de proveito para o noso alumnado, tanto polo que supón o achegamento ao proceso da escrita dun dos narradores contemporáneos da nosa literatura, como polos efectos dispares que tivo a lectura de Bullying pola súa temática e pola forma na que o autor a presentou.

No CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto seguimos aproveitando as oportunidades que nos ofrecen para ser parte dun ensino público e de calidade.

xoves, 30 de xaneiro de 2025

CONVERSA DO ALUMNADO DE 4 ESO CON PATRICIA ARIAS CHACHERO ARREDOR DA XERACIÓN NÓS


Este xoves, 30 de xaneiro, o alumnado de 4ESO do CPI Plurilingüe Antonio Orza Couto tivo a sorte de poder conversar na nosa Biblioteca Xosé Neira Vilas con Patricia Arias Chachero, profesora e especialista na Xeración Nós, arredor da súa Antoloxía escolar da época Nós, publicada na editorial Galaxia.


Neste encontro revisamos nunha liña do tempo o contexto da Xeración Nós, o Seminario de Estudos Galegos e as Irmandades da Fala. Puidemos retomar as figuras de Vicente Risco, Florentino Cuevillas, Otero Pedrayo e Castelao, xunto con outros compañeiros de xeración e coñecer algunhas das súas inquedanzas en defensa dunha lingua e cultura propias e como estas se viron truncadas polo estalido dunha guerra entre veciños e a posterior ditadura.


Grazas á Editorial Galaxia por facer posible que poidamos achegarnos 

á realidade máis alá da propia escrita.


XUNTANZA CLUB DE LECTURA 3ºESO

 Abriuse tamén outro libro, o libro da vida e aos mortos  xulgáronos 

polo escrito nos libros, conforme as súas obras. (Apocalipse, 20,10)

Este luns tivo lugar a reunión do Club de Lectura Maravexás de 3º ESO para comentar a obra Comedia bífida de Manuel Núñez Singala. Un texto dun contido profundo e crítico dende a ironía e a comedia, cunha mensaxe clara de defensa da nosa lingua que segue vixente despois de tantos anos e que vimos necesario recuperar para comentarmos desde a actualidade.


Agardámosvos na vindeira lectura!

xoves, 16 de xaneiro de 2025

XUNTANZA CLUB DE LECTURA 4ºESO

Hoxe empeza o movemento rebelde 

"que non te enreden"!

O Club de lectura Maravexás de 4ESO reuniuse na nosa biblioteca coas profesoras Renata e Lidia para falaren das súas impresións trala lectura da obra teatral Fóra de campo de Rosalía Fernández Rial.

                

Na lectura conflúen artes escénicas, plásticas e musicais xunto cunha temática actual e unha linguaxe que deron pé a unha conversa moi interesante que nos soubo a pouco. 

                        

Agardámosvos coa nova lectura...