Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

luns, 20 de decembro de 2021

RECOMENDACIÓNS LECTORAS PARA O NADAL

 Desde a biblioteca queremos propoñervos estas lecturas para que desfrutedes deste Nadal cun bo libro na man.

Animádevos a descubrilas e pasade un MOI BO NADAL!!



BIBLIOTECAS ESCOLARES SOLIDARIAS


Desde a biblioteca queremos informarvos de que un ano máis o noso centro quedou adherido á iniciativa de "Voluntariado na biblioteca escolar", dentro do programa Bibliotecas Escolares Solidarias.

O alumnado voluntario de Secundaria realizará unha serie de tarefas en relación coa biblioteca (deseño e realización de actividades, formación de usuarios...), por suposto axustándose aos protocolos que a situación sanitaria esixe.

Esta iniciativa lévase a cabo en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, da Consellería de Política Social e favorece actitudes de colaboración e solidariedade, colaborando na formación dunha cidadanía crítica e comprometida.

domingo, 19 de decembro de 2021

ESCOLLEMOS A PALABRA DO ANO

 Desde a Real Academia Galega están escollendo a Palabra do Ano 2021. Se queres participar na súa elección só tes que premer na seguinte ligazón e votar por calquera das finalistas: coada, gromo, resiliencia, tanxugueiras ou vacinódromo.




O prazo remata ás 23:59h do sábado 25 de decembro. Anímate a participar!

sábado, 4 de decembro de 2021

3 DE DECEMBRO, DÍA INTERNACIONAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE


 Onte día 3 de decembro conmemoramos o Día internacional das persoas con discapacidade. Contamos coa visita de membros da Asociación Down Compostela e coa deportista de handbike Mila López, que compartiron con nós as súas experiencias. Desde a biblioteca colaboramos para que se tratase o tema na materia de Valores Éticos e deixámosvos esta infografía con recursos e explicacións sobre o tema:

día internacional das persoas con discapacidade de Biblioteca CPIP Antonio Orza Couto

martes, 30 de novembro de 2021

25-N DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Co gallo do Día Internacional contra a Violencia de xénero, todo o centro adicamos varias semanas do mes de novembro a traballar e a concienciar sobre este tema. Gran parte das actividades xiraron arredor do libro de Yolanda Neira "Alén loita e acariña" en todos os cursos e consistiron en análise das ideas, charlas, traballo con curtametraxes e cancións relacionadas coa violencia de xénero, lecturas de contos... O alumnado de Infantil participou ademais no contacontos Arturo e Clementina.

O alumnado voluntario da biblioteca elaborou un panel onde se recollían datos relativos á violencia de xénero no noso país, na Unión Europea e no mundo. Este panel completouse con unha exposición de libros seleccionados con esa temática, cos que estiveron traballando durante a semana.


Todo este traballo reflexouse nun acto celebrado o día 25 e presentado por alumnado voluntario da biblioteca, onde todo o centro se xuntou para alzar as nosas mans violetas e berrar o lema recollido no libro: "As mans para loitar, non para ferir! A fala para acariñar, non para anular!". Logo houbo unha lectura de lemas e poemas acompañados da actuación musical de Marina Vidal, exalumna do centro e Mario Barral de 3º da ESO, co que se puxo o broche final a ese día de reivindicacións. 

NIN UNHA MENOS!!












mércores, 17 de novembro de 2021

PREPARANDO O DÍA DOS DEREITOS DOS NENOS E NENAS

Achégase o 20 de novembro e na biblio xa temos preparada unha exposición de libros escollidos expresamente polo equipo da Biblioteca. Está decorada con frases escollidas polo alumnado.  A ver se adiviñades que dereitos dos nenos agochan!




Como?! Que non sabedes cales son os dereitos dos nenos e nenas?! Pois neste vídeo poderedes descubrilo:


E para os máis pequenos aquí van algúns exemplos:


O resto de dereitos podedes descubrilos na seguinte ligazón.



xoves, 11 de novembro de 2021

DÍA DO LECTOR E DE NEIRA VILAS

Este 3 de novembro celebramos o Día do Lector con algunhas reseñas sobre lecturas preparadas polo alumnado da ESO. Aquí tedes un par de exemplos que podedes ver no edificio de Secundaria:


Tampouco quixemos esquecernos do noso querido Xosé Neira Vilas, ao que lle renderon homenaxe na sección de Primaria:



Vémonos na biblio!