Co gallo do Día de Rosalía, o alumnado de Primaria preparou a biblioteca para a ocasión elaborando un mural de pop-art moi logrado e unha porta "mosaico" fantástica que axudaron a facer os rapaces de sexto de plástica.
Xa se está achegando o 8 de marzo e desde a biblioteca queremos sumarnos á celebración propoñéndovos algunhas actividades interesantes.
En primeiro lugar, o alumnado voluntario na biblio preparou este mural dixital con algúns temas musicais relacionados coa muller. Animádevos e incluíde cancións que vos gusten e vexades que faltan. Só tedes que facer dobre click e engadir a ligazón ao vídeo en cuestión.
Ademais, queremos detectar eses micromachismos que nos perseguen na vida diaria e que é conveniente erradicar o antes posible. Cóntanos algunha experiencia deste tipo que viviras ou presenciaras, grávaa nun audio e envíaa ao mail da biblio: biblioforte@gmail.com. Faremos unha recompilación que publicaremos nos próximos días.
Para inspirarvos deixámosvos este vídeo realizado por alumnas de Bacharelato:
Finalmente, lembrarvos que se pasades pola biblio (tanto pola sección de Infantil e Primaria coma de Secundaria) atoparedes unha selección de libros protagonizados por mulleres que paga a pena ler. Pasade a descubrilos!
Hoxe celebramos o Día Mundial da Radio. Proponse a data do 13 de febreiro por ser a da creación da Radio Nacións Unidas no ano 1946.
No noso centro quixémolo conmemorar estudando as características das distintas emisoras de radio e realizando na biblio algúns podcasts de diferentes tipos de programas con temática musical.
A ONU (Organización de Nacións Unidas) estableceu o 11 de febreiro como o "Día Internacional da muller e a nena na ciencia" como recoñecemento ao importante papel que tiveron as mulleres na ciencia e na tecnoloxía e para lograr a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e nenas, loitando así pola igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres e nenas.
Para conmemoralo propoñémosvos unha serie de lecturas que xa están na biblioteca para que coñezades máis algunha destas figuras:
Ademais queremos solidarizarnos coa campaña #NoMoreMatildas, da Asociación de Mujeres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT), que pretende denunciar as consecuencias do chamado efecto Matilda, polo que non só se negan as aportacións e traballo de moitas mulleres científicas, senón que se da a súa autoría a compañeiros de investigación, que levan os méritos do traballo.
Para saber máis sobre esta campaña pinchade no seguinte vídeo:
Por mor do mal tempo o 1 de xaneiro celebramos o Día da Paz. Tivemos exposicións de símbolos da paz, elaborados polo alumnado de Valores e Relixión conxuntamente; de pombas da paz que elaboraron as titorías de 1º da ESO.
Tamén os departamentos de Ed. Física e Música organizaron unha coreografía para o tema "Jerusalema" que quixeron interpretar malia o mal tempo.
O resultado do concurso de fotografía proposto desde o Instagram da biblioteca coñecerase en breve.
O próximo 30 de xaneiro celebrarase o Día Escolar da Paz e da Non Violencia e por suposto, desde a biblioteca queremos sumarnos ás conmemoracións.
Estivemos colaborando cos departamentos de Ed. Física e Música na organización dunha coreografía que se representará o día 29 de xaneiro durante o 2º recreo sempre que o tempo o permita. De non ser o caso, realizarase o luns 1 de febreiro.
Ademais, queremos anunciarvos que queremos inaugurar o instagram da biblioteca organizando un concurso de fotografía para alumnado do centro. O lema do concurso é "Fotos para a paz" e participar é moi sinxelo, só tedes que subir a Instagram unha foto que inspire paz, non violencia ou amor mencionando o Instagram da biblioteca (@biblioforte) e fichándoa co hashtag #Paz2021cpiantonioorzacouto.
Tedes de prazo ata o domingo 7 de febreiro. Animádevos e vémonos nas redes!!