Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

venres, 19 de xuño de 2026

Ata o próximo capítulo...

Pechamos o curso en Maravexás.
O pasado 18 de xuño, durante o recreo, celebramos o último encontro deste curso do Club de Lectura Maravexás. Foi unha xuntanza moi especial na que compartimos impresións, lembranzas e valoracións sobre todo o vivido ao longo deste ano entre libros, lecturas e conversas.
O alumnado falou da súa experiencia no club, compartindo opinións moi positivas e destacando especialmente os momentos de encontro, as lecturas compartidas e todo o que foron descubrindo en cada sesión. Desde a coordinación, tamén facemos unha valoración moi boa: estamos moi contentas coa participación, coa implicación e co ambiente tan especial que se foi creando ao longo do curso.
Nesta despedida, o alumnado de 4º da ESO, que este ano remata a súa etapa no centro, recibiu un pequeno agasallo como recordo do seu paso por Maravexás: un libro para seguir levando consigo novas lecturas e historias.
Ademais, unha das nais participantes no club de lectura de adultos quixo sumarse a esta celebración cun detalle moi doce: unhas deliciosas madalenas que fixeron do encontro un momento aínda máis especial.
Marchamos cunha sensación moi bonita e coa esperanza de que o próximo curso Maravexás siga medrando con novos lectores e lectoras. Aos que marchades, moita sorte no camiño. E a todos e todas… grazas por formar parte desta aventura lectora.

luns, 4 de maio de 2026

Un Día do Libro cheo de maxia, tesoiras e moita reciclaxe!

Que día tan especial vivimos na nosa biblioteca para celebrar o Día do Libro 2026!

Xa sabedes que nos encanta ler e viaxar coa imaxinación a través das páxinas, pero desta volta fixemos algo aínda máis especial: transformamos esas mesmas páxinas en arte viva.

Este ano quixemos darlles unha segunda vida a eses libros que, polo paso do tempo ou polo seu desgaste, xa estaban listos para reciclar. E que mellor maneira de facelo que cun obradoiro de confección de flores de papel?

Os nosos alumnos e alumnas demostraron que teñen moito talento e, sobre todo, unha paciencia tremenda.

venres, 27 de marzo de 2026

Xa temos gañadoras e gañadores do Certame Fotográfico “Rosalía de Castro en imaxes”!

Despois de ter as fotografías expostas durante todo o mes de marzo, chegou o momento de coñecer os resultados do certame “Rosalía de Castro en imaxes”.

Foron semanas nas que puidemos gozar dunha exposición chea de creatividade, sensibilidade e moi boas ideas, nas que o alumnado, xunto coas súas familias, conseguiu transformar as palabras de Rosalía en imaxes sorprendentes.

Queremos agradecer a participación de todas as persoas que formastes parte desta proposta. Cada fotografía aportou unha mirada diferente e fixo da exposición un espazo moi especial dentro da biblioteca.

E agora si… estes son os traballos premiados:

Categoría Educación Infantil e Primaria
Premio do Público - Malik e Karim Sánchez Tallón.
Premio fotografía máis poética - Navia García Mendieta.
Premio interpretación simbólica - Vega Vieites Barreiro.
Premio fotografía máis emotiva - Sofía Lorenzo Rico. 

Categoría Educación Secundaria
Premio do Público - Antía Castro Otero
Premio fotografía máis poética - Abel Brey Castro
Premio interpretación simbólica - Aldara Carlín Castro
Premio fotografía máis emotiva - Uxía Trincado da Silva

Entrega de premios

A entrega de premios será á volta das vacacións da Semana Santa. 
Ademais, todo o alumnado participante recibirá un pequeno detalle en agradecemento pola súa implicación e creatividade.

Parabéns ás persoas premiadas e, sobre todo, grazas a todo o alumnado e ás familias por participar e facer da biblioteca un lugar cheo de creación e de vida arredor da obra de Rosalía.

martes, 10 de marzo de 2026

MARILAR ALEIXANDRE PRESENTA CASTELAO SEGUNDO RAÑOLAS

 O luns 9 de marzo tivemos a sorte de contar no noso centro coa narradora, poeta, tradutora e membro da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre, quen veu conversar co alumnado de 4ESO sobre o seu libro Castelao segundo Rañolas.

Marilar compartiu co alumnado algunhas experiencias da súa vida como bióloga, investigadora, profesora e escritora. Tamén lles contou que chegou a escribir Castelao segundo Rañolas por petición de Carlos Casares hai xa tantos anos e como chegou a nós no Ano Castelao.   




Grazas a Galaxia e a Marilar por compartir con nós esta sesión tan interesante!

luns, 9 de marzo de 2026

Unha feira para celebrar as linguas maternas

Panel realizado polo alumnado do equipo de dinamización da Lingua Galega

O 21 de febreiro conmemoramos o Día da Lingua Materna, proclamado pola UNESCO hai 26 anos para reivindicar a diversidade lingüística e o dereito á lingua propia. Para celebralo, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) recompilou palabras entre os membros da comunidade educativa, que recibían un precioso broche conmemorativo, e organizou un panel de palabras en diferentes idiomas no edificio da ESO e de Educación Primaria.

Por outra banda, o equipo da biblioteca colaborou nun proxecto desenvolvido pola profesora Nuria, de Lingua Castelá, que nos permitiu coñecer mellor a diversidade lingüística que nos rodea.

O alumnado de 1º da ESO investigou sobre as linguas maternas e realizou entrevistas a persoas que teñen unha lingua materna distinta do castelán. Con toda a información recollida, prepararon diferentes materiais e organizaron unha pequena “feira das linguas”.

O evento comezou co alumnado de 6º de Educación Primaria, que participou nun coloquio sobre as linguas maternas, reflexionando sobre a importancia das linguas na nosa identidade e na comunicación entre as persoas. Despois, visitaron as distintas mesas para escoitar as explicacións dos grupos de 1º da ESO sobre as linguas que investigaran.

Foi unha actividade moi enriquecedora, na que aprendemos que cada lingua conta unha historia e forma parte da cultura das persoas que a falan. Unha excelente maneira de celebrar a diversidade e seguir aprendendo uns dos outros.




domingo, 8 de marzo de 2026

Pezas dunha historia peculiar

O grupo de 1º e 2º da ESO reuniuse de novo no Club de Lectura Maravexás para falar sobre o libro "O Peculiar", de Érica Esmorís, do Editorial Cuarto de Inverno. Durante o encontro comentamos a lectura, os personaxes e aquelas partes que máis nos chamaron a atención. Foron saíndo opinións diferentes, ideas curiosas e reflexións moi interesantes sobre esta historia tan especial. 

Despois da conversa fixemos unha pequena actividade: "reconstruír o libro xuntos". A partir das ilustracións, fomos colocando as escenas en orde e intentando lembrar que pasaba en cada momento do relato. Entre todos e todas fomos reordenando os acontecementos e volvendo contar a historia, fixándonos nos detalles das imaxes e no que cada quen lembraba da lectura. 

Ao final creamos un panel colectivo, no que se pode seguir o percorrido da historia de "O Peculiar". Foi unha maneira diferente e divertida de lembrar o libro e de comprobar que, cando compartimos ideas, cada persoa pode achegar algo para completar a historia.

Seguimos así facendo do Club de Lectura Maravexás un lugar para ler, compartir opinións e descubrir xuntos novas historias.



domingo, 1 de febreiro de 2026

Certame Fotográfico “Rosalía de Castro en imaxes”


Con motivo do Día de Rosalía, o 23 de febreiro, o equipo da biblioteca convídavos a participar nun concurso fotográfico familiar para reinterpretar a obra da nosa poeta e escritora máis emblemática.

O obxectivo do certame é transformar en imaxes fragmentos da súa obra poética ou narrativa. As fotografías deben ser creacións compartidas entre o alumnado do centro e as súas familias, podendo incluír o propio alumnado e persoas da familia como personaxes, ou centrarse en obxectos, espazos ou paisaxes que ilustren o texto escollido.

Animádevos a explorar a creatividade xuntos e a darlles unha nova vida ás palabras de Rosalía a través da fotografía. Non hai categorías distintas: todas as participacións son conxuntas, familiares e igualmente válidas.


BASES DO CONCURSO

1. Participantes

O concurso está dirixido a todo o alumnado do centro, que poderá participar coa colaboración das súas familias na creación da fotografía.


2. Características das fotografías

Cada imaxe debe incluír un fragmento dun texto en galego da autora (poesía ou narrativa) acompañado da fotografía.


3. Presentación

As fotografías enviaranse por correo electrónico en formato dixital (.jpg) -biblioteca@cpiorzacouto.com

No asunto deberá poñerse Rosalía de Castro en imaxes. No corpo do correo debe constar o fragmento do texto elixido, o nome e apelidos do alumnado, curso e grupo.

Os correos incompletos quedarán excluídos do concurso.


Prazo de entrega: luns 23 de febreiro, Día de Rosalía.

email: biblioteca@cpiorzacouto.com

4. Premios e exposición

Haberá un premio para a fotografía gañadora, determinado polo equipo da biblioteca.

Todas as imaxes recibirán unha mención e formarán parte dunha exposición na biblioteca.


5. Recursos e inspiración

Podedes atopar exemplares da obra de Rosalía na nosa biblioteca e na biblioteca

dixital E-LBE.2

Deixámosvos tamén ligazóns de interese e inspiración:

ESCOLMA DE VERSOS DE ROSALÍA  

SELECCIÓN DE POEMAS DE CANTARES GALLEGOS  

SELECCIÓN DE POEMAS DE FOLLAS NOVAS



Libros que falan de paz

Con motivo da celebración do Día da Paz, desde a biblioteca escolar organizamos unha exposición temática de libros que invita a reflexionar sobre valores como a convivencia, o respecto, a solidariedade e a resolución pacífica dos conflitos.
A selección de lecturas está exposta en dous espazos do centro: na entrada da biblioteca de Educación Primaria, cunha mostra pensada especialmente para o alumnado máis novo, e na entrada da biblioteca da ESO, con propostas adaptadas ás idades e intereses do alumnado maior.
A través destes libros, queremos lembrar que a paz tamén se constrúe cada día: nas palabras, nas decisións, na maneira de mirar ás demais persoas e de entender o mundo. A lectura convértese así nunha ferramenta poderosa para educar en valores e abrir conversas necesarias dentro e fóra da aula.
Animamos a todo o alumnado a achegarse á exposición, explorar os libros e deixarse levar por historias que axudan a pensar, sentir e construír paz.


Novas lecturas, novas expectativas no Club de Lectura Maravexás

O Club de Lectura Maravexás puxo en marcha unha nova etapa cun encontro moi especial: as reunións para repartir os libros e compartir as primeiras impresións e expectativas arredor das lecturas que nos acompañarán neste trimestre.
O alumnado de 3º e 4º da ESO comezou a súa andaina con “Unha historia de amor como outra calquera”, de Rosa Aneiros, unha historia que entrelaza o ámbito familiar co relato das expedicións de Ernest Shackleton, creando unha conexión entre pasado e presente, entre a exploración do continente branco e o proceso persoal de Alma, a protagonista. Pola súa banda, o grupo de 1º e 2º da ESO mergullarase na lectura de O peculiar, de Érica Esmorís, unha historia diferente e sorprendente que invita a mirar o mundo desde outra perspectiva e a valorar aquilo que nos fai únicos.
Foi un encontro cheo de curiosidade, comentarios espontáneos, ganas de ler e moita ilusión polo que está por vir. As primeiras páxinas aínda están por descubrir, pero xa se notaba no ambiente que cada libro trae consigo preguntas, emocións, conversas…
Desde a biblioteca, desexámoslles moi boas lecturas a todos e todas… e agardamos con ganas as próximas xuntanzas para seguir facendo do Club Maravexás un espazo de encontro arredor dos libros.





martes, 20 de xaneiro de 2026

Entre luces, lembranzas e conversas compartidas. Encontro do grupo de adultos do Club de Lectura Maravexás

 Esta semana tivemos o primeiro encontro do grupo de adultos do Club de Lectura Maravexás, unha reunión telemática na que compartimos a lectura de Golpes de luz, de Ledicia Costas. Foi un encontro próximo e moi participativo, no que cada persoa do grupo fixo a súa achega desde a emoción, a lembranza e a reflexión persoal.

Durante a conversa coincidimos en que son moitas as escenas que poderiamos destacar e acabamos por resaltar algunhas que nos quedaron especialmente gravadas: o momento no que Sebas escoita ao seu amigo afirmar, con total convicción, que a súa avoa Luz é nada menos que o propio Thor; a escena do libro na que o rapaz protagonista presenta a fotografía de Felipe González, “con marco e todo”, como se fose o seu avó para un traballo proposto pola profesora sobre os avós, xa que era a única imaxe masculina que había na sala da casa; os episodios nos que a avoa tiraba as cabichas na leira do veciño ou mesmo unha espiña xigante dun rapante, provocando as súas queixas; ou as conversas, e mesmo a relación, de Luz coa súa nai xa falecida. Pequenos detalles cheos de humor, orixinalidade e sensibilidade.

Tamén falamos dos temas de fondo que atravesan a historia: os segredos familiares, a desaparición do pai, o peso do pasado, o narcotráfico en Galicia nos anos oitenta, a doenza mental e o mundo dos coidados, así como as relacións familiares. Chegamos á conclusión de que, aínda tratando cuestións duras, o libro faino cun ton que acaba levando á comprensión, á tenrura e mesmo ao sorriso.

Na reunión apareceron palabras que resumían moi ben o que nos deixou a lectura: luz, resiliencia, familia, xenialidade, sorriso… Coincidimos tamén en que o feito de que a historia se conte desde puntos de vista diferentes, correspondentes a tres xeracións, enriqueceu a lectura e foi, para todas nós, un dos elementos máis atractivos da novela, amosando a realidade con máis matices.

Todas gozamos moito do libro e do encontro, que nos deixou ganas de seguir compartindo lecturas e conversas. Este primeiro encontro do grupo de adultos do Maravexás confirmounos que a lectura, cando se comparte, multiplica o seu valor.

xoves, 8 de xaneiro de 2026

Antes das vacacións… unha xuntanza moi especial no Club de Lectura

Xa estamos de volta tras as vacacións de Nadal e, nesta primeira entrada do ano, queremos aproveitar para lembrar un momento moi especial que vivimos antes de despedir o primeiro trimestre.

Na semana previa ás vacacións, o Club de Lectura Maravexás celebrou a súa xuntanza final do trimestre. Foi unha sesión para comentar as lecturas realizadas, compartir opinións e intercambiar impresións nun ambiente participativo e moi agradable.

Nesta ocasión participaron dous grupos: un deles traballou o libro Ubasute, de Paula Carballeira, e o outro Rosalía oculta, de Paula Mayor. As reflexións, ideas e creacións xurdidas a partir destas lecturas quedaron recollidas en distintos paneis expositivos, que se poden ver na planta baixa do edificio de Secundaria e que tamén aparecen nas imaxes que acompañan esta entrada.

Un bo xeito de pechar o trimestre e de comezar este novo ano poñendo en valor a lectura compartida e o traballo realizado no noso club.

xoves, 18 de decembro de 2025

5º de Primaria na Biblioteca Ánxel Casal

Os nenos e nenas de 5º de Primaria visitaron a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, unha saída moi agardada desde o Día das Bibliotecas, que finalmente puideron realizar.

Alí coñeceron as instalacións e os servizos da biblioteca e aprenderon como funciona o préstamo de libros usando os ordenadores. Foi unha visita moi entretida e interesante, que lles permitiu achegarse un pouco máis ao mundo das bibliotecas e dos libros.



domingo, 7 de decembro de 2025

Club de Lectura Maravexás abre o grupo de adultos

 Un espazo tranquilo, accesible e pensado para gozar dun libro en compañía

Xulia é xornalista e acaba de separarse, polo que regresa a Galicia co seu fillo Sebas. O rapaz ten dez anos e está convencido de que a avoa Luz é o deus Thor porque nunca se separa do seu martelo. Malia que agoche polvoróns nas medias, beba Sansón ata ver dobre e diga mentiras sen parar, Sebas adora a súa avoa. Xulia non opina o mesmo. Para ela, volver á casa familiar supón enfrontarse a un pasado cheo de segredos que precisa desvelar. O narcotráfico na Galicia dos anos noventa, o mundo dos coidados e a procura da verdade envolven este melodrama, salvaxe e tenro, habitado por uns personaxes inesquecibles. Despois do éxito de «Infamia», Ledicia Costas regresa, dende o seu talento creativo, con «Golpes de luz», unha novela sorprendente e divertida.
A nosa biblioteca pon en marcha neste final de trimestre o grupo de lectura para adultos do Club de Lectura Maravexás. Está dirixido ao profesorado, persoal non docente e familias, e non é preciso ser lector ou lectora habitual: abonda con ter curiosidade e ganas de compartir.
O prazo de lectura esténdese ata o 11 de xaneiro, polo que teremos tempo dabondo. Unha vez rematada a lectura, realizaremos un encontro virtual por Google Meet para compartir impresións (enviaremos a ligazón do encontro ás persoas inscritas). 
Para participar, cómpre inscribirse mediante o seguinte formulario: pica nesta 👉 ligazón
Se o preferdies, tamén podedes enviar un correo a: biblioteca@cpiorzacouto.com indicando no asunto: Club de lectura Adultos.

Animádesvos a participar?

venres, 28 de novembro de 2025

25N: Cando coñeces outras historias, aprendes a non repetir as malas

Co gallo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a nosa biblioteca escolar sumouse ás accións do centro habilitando os seus espazos e colaborando na difusión de actividades destinadas a promover a igualdade e o bo trato.

Exposición de lecturas temáticas

Na entrada da biblioteca encontrase unha exposición de libros que falan sobre igualdade, resolución pacífica de conflitos, autoestima, relacións sans e violencia de xénero.
Animádevos a levar algún destes libros para a casa. Son historias que fan pensar e tamén axudan a mirar o mundo doutra maneira, un material que nos permite comprender mellor a realidade, reflexionar e recoñecer situacións que non deben normalizarse.


Contacontos con Yolanda Neira

Ademais, este ano tivemos a sorte de que a biblioteca servise de escenario para unha actividade moi especial: a visita de Yolanda Neira, autora do libro Alén. Loita e acariña.
A escritora compartiu co alumnado de Educación Infantil e Primaria varias sesións de contacontos cheas de emoción, tenrura e mensaxes de coidado, fomentando relacións baseadas no respecto.
Foi unha experiencia significativa para os máis pequenos e pequenas, que gozaron dun espazo cheo de historias que inspiran reflexión e empatía.


"Cando coñeces outras historias, aprendes a non repetir as malas", un lema que sintetiza o poder transformador da lectura.






luns, 24 de novembro de 2025

Comezou unha nova aventura no Club de Lectura Maravexás!


O pasado 13 de novembro celebramos a nosa primeira reunión, e podemos dicir que o ambiente non puido ser mellor: alegría, curiosidade e moitas ganas de compartir lecturas e momentos xuntos.
Despois dunha pequena benvida, explicamos como funcionará o club: un espazo tranquilo e seguro no que cada quen le ao seu ritmo e vén simplemente a contar o que sentiu, o que lle sorprendeu ou aquela frase que lle quedou marcada. Sen presións, sen exames… só lectura e bo ambiente.
Nesta primeira sesión repartimos os libros que nos acompañará este mes: Ubasute, de Paula Carballeira e Rosalía Oculta de Paula Mayor.
Para ir entrando en calor, fixemos unha pequena actividade: “A primeira impresión”. Cada un abriu o libro ao azar, colleu a primeira frase que atopou e anotouna nun pos-it. Logo fomos pegando todas esas frases nas esculturas de libros que temos na biblioteca, creadas o curso pasado polo alumnado de Plástica.
Saímos da primeira xuntanza cun sorriso e coa sensación de que este curso o Club Maravexás vai traer moitas conversas interesantes, momentos divertidos e descubrimentos lectores.
Vémonos de novo o último luns antes de Nadal, o día 15 de decembro, no recreo do comedor.
Traede as vosas impresións, emocións e, sobre todo, ganas de compartir!





sábado, 8 de novembro de 2025

Entre libros, morcegos, pantasmas e bruxas: así vivimos o Samagosto na nosa biblioteca

Este ano, a nosa biblioteca uniuse á celebración do Samagosto cunha xornada moi especial de creación e lectura. O alumnado da ESO participou nun obradoiro de decoración temática durante os recreos da semana do 27 de outubro, no que empregamos periódicos e outros materiais para transformar a sala nun espazo ambientado no Samaín e no misterio.

Ademais de decorar, preparamos unha exposición de libros sobre temáticas de medo, terror e suspense, que serven como suxerencias de lectura para este período festivo. Foi unha actividade divertida e creativa, na que todos e todas puidemos compartir ideas, decorar e descubrir novas lecturas que nos fan sentir un pouquiño de medo… ¡pero do bo!

  

 



Celebramos o Día de Xosé Neira Vilas

O 4 de novembro conmemoramos no noso centro o Día de Xosé Neira Vilas, autor que dá nome á nosa biblioteca escolar e unha figura fundamental da literatura galega. Este ano quixemos lembrar o seu legado a través de actividades de lectura e convivencia lectora, nas que participou todo o alumnado do centro.

A xornada comezou coa proxección dun vídeo elaborado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG). Este material permitiu achegar a figura de Neira Vilas dun xeito próximo e didáctico, servindo de punto de partida para as actividades posteriores.

En Educación Infantil e Primaria, celebramos ademais a abertura oficial da biblioteca nos recreos dos xoves, inaugurando así o novo horario de uso aberto para todo o alumnado. A partir desta data, cada grupo poderá gozar dos seus “Momentos na biblio”, un espazo para descubrir libros, ler con calma e compartir novas historias. Nesa mesma xornada, as aulas de Infantil e Primaria dedicaron a hora de lectura á obra de Xosé Neira Vilas, participando tamén no maratón lector organizado pola biblioteca.

O alumnado de ESO sumouse igualmente ao maratón, lendo fragmentos de obras do autor durante os primeiros dez minutos da mañá. As lecturas foron compartidas e comentadas co profesorado, nun ambiente de respecto, reflexión e entusiasmo lector.

Foi unha xornada de lembranza e recoñecemento a Xosé Neira Vilas, un escritor que sempre defendeu o valor da lectura, da escola e da palabra como ferramentas para construír unha sociedade máis xusta e consciente. Dende a nosa biblioteca, continuamos o seu legado, facendo da lectura unha ponte que nos une e nos fai medrar.





xoves, 23 de outubro de 2025

O Día das Escritoras foi unha auténtica festa lectora!

Todo o alumnado do centro — desde Educación Infantil ata ESO — participou en distintas actividades de dinamización e difusión lectora coas que celebramos esta data tan especial. Cada grupo traballou arredor dunha escritora, coñecendo un pouco sobre a súa obra e aproximándose á lectura desde diferentes perspectivas creativas e participativas. Foron sesións cheas de interese, descubrimentos e bo ambiente lector, nas que o alumnado puido achegarse á literatura escrita por mulleres e valorar a diversidade das súas voces. En cada aula, o profesorado ideou propostas diferentes: houbo escape rooms literarios, lecturas compartidas, murais, carteis e actividades plásticas arredor das autoras. Como elemento común, todos os grupos montaron un crebacabezas coa imaxe da escritora que lles correspondía, enchendo os corredores de cores, palabras e ilusión.

martes, 14 de outubro de 2025

Un percorrido polo Reino Unido… dende a nosa biblioteca!

O pasado luns 6 de outubro, o alumnado de 1º e 2º da ESO reuniuse na biblioteca da ESO para participar nunha actividade moi especial promovida polo Departamento de Inglés. Da man de Johnny Flynn, puideron descubrir os países que forman o Reino Unido e coñecer moitos aspectos curiosos sobre a súa cultura.
Durante a sesión, aprenderon a recoñecer as bandeiras e os símbolos nacionais, falaron sobre a Familia Real británica, a gastronomía típica e outros detalles da vida cotiá en Gran Bretaña, todo isto dun xeito ameno, visual e interactivo.
Unha experiencia divertida e enriquecedora que demostra que a nosa biblioteca é tamén un espazo para aprender, compartir e viaxar sen saír do centro.