Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

martes, 20 de xaneiro de 2026

Entre luces, lembranzas e conversas compartidas. Encontro do grupo de adultos do Club de Lectura Maravexás

 Esta semana tivemos o primeiro encontro do grupo de adultos do Club de Lectura Maravexás, unha reunión telemática na que compartimos a lectura de Golpes de luz, de Ledicia Costas. Foi un encontro próximo e moi participativo, no que cada persoa do grupo fixo a súa achega desde a emoción, a lembranza e a reflexión persoal.

Durante a conversa coincidimos en que son moitas as escenas que poderiamos destacar e acabamos por resaltar algunhas que nos quedaron especialmente gravadas: o momento no que Sebas escoita ao seu amigo afirmar, con total convicción, que a súa avoa Luz é nada menos que o propio Thor; a escena do libro na que o rapaz protagonista presenta a fotografía de Felipe González, “con marco e todo”, como se fose o seu avó para un traballo proposto pola profesora sobre os avós, xa que era a única imaxe masculina que había na sala da casa; os episodios nos que a avoa tiraba as cabichas na leira do veciño ou mesmo unha espiña xigante dun rapante, provocando as súas queixas; ou as conversas, e mesmo a relación, de Luz coa súa nai xa falecida. Pequenos detalles cheos de humor, orixinalidade e sensibilidade.

Tamén falamos dos temas de fondo que atravesan a historia: os segredos familiares, a desaparición do pai, o peso do pasado, o narcotráfico en Galicia nos anos oitenta, a doenza mental e o mundo dos coidados, así como as relacións familiares. Chegamos á conclusión de que, aínda tratando cuestións duras, o libro faino cun ton que acaba levando á comprensión, á tenrura e mesmo ao sorriso.

Na reunión apareceron palabras que resumían moi ben o que nos deixou a lectura: luz, resiliencia, familia, xenialidade, sorriso… Coincidimos tamén en que o feito de que a historia se conte desde puntos de vista diferentes, correspondentes a tres xeracións, enriqueceu a lectura e foi, para todas nós, un dos elementos máis atractivos da novela, amosando a realidade con máis matices.

Todas gozamos moito do libro e do encontro, que nos deixou ganas de seguir compartindo lecturas e conversas. Este primeiro encontro do grupo de adultos do Maravexás confirmounos que a lectura, cando se comparte, multiplica o seu valor.

xoves, 8 de xaneiro de 2026

Antes das vacacións… unha xuntanza moi especial no Club de Lectura

Xa estamos de volta tras as vacacións de Nadal e, nesta primeira entrada do ano, queremos aproveitar para lembrar un momento moi especial que vivimos antes de despedir o primeiro trimestre.

Na semana previa ás vacacións, o Club de Lectura Maravexás celebrou a súa xuntanza final do trimestre. Foi unha sesión para comentar as lecturas realizadas, compartir opinións e intercambiar impresións nun ambiente participativo e moi agradable.

Nesta ocasión participaron dous grupos: un deles traballou o libro Ubasute, de Paula Carballeira, e o outro Rosalía oculta, de Paula Mayor. As reflexións, ideas e creacións xurdidas a partir destas lecturas quedaron recollidas en distintos paneis expositivos, que se poden ver na planta baixa do edificio de Secundaria e que tamén aparecen nas imaxes que acompañan esta entrada.

Un bo xeito de pechar o trimestre e de comezar este novo ano poñendo en valor a lectura compartida e o traballo realizado no noso club.

xoves, 18 de decembro de 2025

5º de Primaria na Biblioteca Ánxel Casal

Os nenos e nenas de 5º de Primaria visitaron a Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela, unha saída moi agardada desde o Día das Bibliotecas, que finalmente puideron realizar.

Alí coñeceron as instalacións e os servizos da biblioteca e aprenderon como funciona o préstamo de libros usando os ordenadores. Foi unha visita moi entretida e interesante, que lles permitiu achegarse un pouco máis ao mundo das bibliotecas e dos libros.



domingo, 7 de decembro de 2025

Club de Lectura Maravexás abre o grupo de adultos

 Un espazo tranquilo, accesible e pensado para gozar dun libro en compañía

Xulia é xornalista e acaba de separarse, polo que regresa a Galicia co seu fillo Sebas. O rapaz ten dez anos e está convencido de que a avoa Luz é o deus Thor porque nunca se separa do seu martelo. Malia que agoche polvoróns nas medias, beba Sansón ata ver dobre e diga mentiras sen parar, Sebas adora a súa avoa. Xulia non opina o mesmo. Para ela, volver á casa familiar supón enfrontarse a un pasado cheo de segredos que precisa desvelar. O narcotráfico na Galicia dos anos noventa, o mundo dos coidados e a procura da verdade envolven este melodrama, salvaxe e tenro, habitado por uns personaxes inesquecibles. Despois do éxito de «Infamia», Ledicia Costas regresa, dende o seu talento creativo, con «Golpes de luz», unha novela sorprendente e divertida.
A nosa biblioteca pon en marcha neste final de trimestre o grupo de lectura para adultos do Club de Lectura Maravexás. Está dirixido ao profesorado, persoal non docente e familias, e non é preciso ser lector ou lectora habitual: abonda con ter curiosidade e ganas de compartir.
O prazo de lectura esténdese ata o 11 de xaneiro, polo que teremos tempo dabondo. Unha vez rematada a lectura, realizaremos un encontro virtual por Google Meet para compartir impresións (enviaremos a ligazón do encontro ás persoas inscritas). 
Para participar, cómpre inscribirse mediante o seguinte formulario: pica nesta 👉 ligazón
Se o preferdies, tamén podedes enviar un correo a: biblioteca@cpiorzacouto.com indicando no asunto: Club de lectura Adultos.

Animádesvos a participar?

venres, 28 de novembro de 2025

25N: Cando coñeces outras historias, aprendes a non repetir as malas

Co gallo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a nosa biblioteca escolar sumouse ás accións do centro habilitando os seus espazos e colaborando na difusión de actividades destinadas a promover a igualdade e o bo trato.

Exposición de lecturas temáticas

Na entrada da biblioteca encontrase unha exposición de libros que falan sobre igualdade, resolución pacífica de conflitos, autoestima, relacións sans e violencia de xénero.
Animádevos a levar algún destes libros para a casa. Son historias que fan pensar e tamén axudan a mirar o mundo doutra maneira, un material que nos permite comprender mellor a realidade, reflexionar e recoñecer situacións que non deben normalizarse.


Contacontos con Yolanda Neira

Ademais, este ano tivemos a sorte de que a biblioteca servise de escenario para unha actividade moi especial: a visita de Yolanda Neira, autora do libro Alén. Loita e acariña.
A escritora compartiu co alumnado de Educación Infantil e Primaria varias sesións de contacontos cheas de emoción, tenrura e mensaxes de coidado, fomentando relacións baseadas no respecto.
Foi unha experiencia significativa para os máis pequenos e pequenas, que gozaron dun espazo cheo de historias que inspiran reflexión e empatía.


"Cando coñeces outras historias, aprendes a non repetir as malas", un lema que sintetiza o poder transformador da lectura.






luns, 24 de novembro de 2025

Comezou unha nova aventura no Club de Lectura Maravexás!


O pasado 13 de novembro celebramos a nosa primeira reunión, e podemos dicir que o ambiente non puido ser mellor: alegría, curiosidade e moitas ganas de compartir lecturas e momentos xuntos.
Despois dunha pequena benvida, explicamos como funcionará o club: un espazo tranquilo e seguro no que cada quen le ao seu ritmo e vén simplemente a contar o que sentiu, o que lle sorprendeu ou aquela frase que lle quedou marcada. Sen presións, sen exames… só lectura e bo ambiente.
Nesta primeira sesión repartimos os libros que nos acompañará este mes: Ubasute, de Paula Carballeira e Rosalía Oculta de Paula Mayor.
Para ir entrando en calor, fixemos unha pequena actividade: “A primeira impresión”. Cada un abriu o libro ao azar, colleu a primeira frase que atopou e anotouna nun pos-it. Logo fomos pegando todas esas frases nas esculturas de libros que temos na biblioteca, creadas o curso pasado polo alumnado de Plástica.
Saímos da primeira xuntanza cun sorriso e coa sensación de que este curso o Club Maravexás vai traer moitas conversas interesantes, momentos divertidos e descubrimentos lectores.
Vémonos de novo o último luns antes de Nadal, o día 15 de decembro, no recreo do comedor.
Traede as vosas impresións, emocións e, sobre todo, ganas de compartir!





sábado, 8 de novembro de 2025

Entre libros, morcegos, pantasmas e bruxas: así vivimos o Samagosto na nosa biblioteca

Este ano, a nosa biblioteca uniuse á celebración do Samagosto cunha xornada moi especial de creación e lectura. O alumnado da ESO participou nun obradoiro de decoración temática durante os recreos da semana do 27 de outubro, no que empregamos periódicos e outros materiais para transformar a sala nun espazo ambientado no Samaín e no misterio.

Ademais de decorar, preparamos unha exposición de libros sobre temáticas de medo, terror e suspense, que serven como suxerencias de lectura para este período festivo. Foi unha actividade divertida e creativa, na que todos e todas puidemos compartir ideas, decorar e descubrir novas lecturas que nos fan sentir un pouquiño de medo… ¡pero do bo!