Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

martes, 20 de xaneiro de 2026

Entre luces, lembranzas e conversas compartidas. Encontro do grupo de adultos do Club de Lectura Maravexás

 Esta semana tivemos o primeiro encontro do grupo de adultos do Club de Lectura Maravexás, unha reunión telemática na que compartimos a lectura de Golpes de luz, de Ledicia Costas. Foi un encontro próximo e moi participativo, no que cada persoa do grupo fixo a súa achega desde a emoción, a lembranza e a reflexión persoal.

Durante a conversa coincidimos en que son moitas as escenas que poderiamos destacar e acabamos por resaltar algunhas que nos quedaron especialmente gravadas: o momento no que Sebas escoita ao seu amigo afirmar, con total convicción, que a súa avoa Luz é nada menos que o propio Thor; a escena do libro na que o rapaz protagonista presenta a fotografía de Felipe González, “con marco e todo”, como se fose o seu avó para un traballo proposto pola profesora sobre os avós, xa que era a única imaxe masculina que había na sala da casa; os episodios nos que a avoa tiraba as cabichas na leira do veciño ou mesmo unha espiña xigante dun rapante, provocando as súas queixas; ou as conversas, e mesmo a relación, de Luz coa súa nai xa falecida. Pequenos detalles cheos de humor, orixinalidade e sensibilidade.

Tamén falamos dos temas de fondo que atravesan a historia: os segredos familiares, a desaparición do pai, o peso do pasado, o narcotráfico en Galicia nos anos oitenta, a doenza mental e o mundo dos coidados, así como as relacións familiares. Chegamos á conclusión de que, aínda tratando cuestións duras, o libro faino cun ton que acaba levando á comprensión, á tenrura e mesmo ao sorriso.

Na reunión apareceron palabras que resumían moi ben o que nos deixou a lectura: luz, resiliencia, familia, xenialidade, sorriso… Coincidimos tamén en que o feito de que a historia se conte desde puntos de vista diferentes, correspondentes a tres xeracións, enriqueceu a lectura e foi, para todas nós, un dos elementos máis atractivos da novela, amosando a realidade con máis matices.

Todas gozamos moito do libro e do encontro, que nos deixou ganas de seguir compartindo lecturas e conversas. Este primeiro encontro do grupo de adultos do Maravexás confirmounos que a lectura, cando se comparte, multiplica o seu valor.

Ningún comentario:

Publicar un comentario