Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

venres, 27 de marzo de 2026

Xa temos gañadoras e gañadores do Certame Fotográfico “Rosalía de Castro en imaxes”!

Despois de ter as fotografías expostas durante todo o mes de marzo, chegou o momento de coñecer os resultados do certame “Rosalía de Castro en imaxes”.

Foron semanas nas que puidemos gozar dunha exposición chea de creatividade, sensibilidade e moi boas ideas, nas que o alumnado, xunto coas súas familias, conseguiu transformar as palabras de Rosalía en imaxes sorprendentes.

Queremos agradecer a participación de todas as persoas que formastes parte desta proposta. Cada fotografía aportou unha mirada diferente e fixo da exposición un espazo moi especial dentro da biblioteca.

E agora si… estes son os traballos premiados:

Categoría Educación Infantil e Primaria
Premio do Público - Malik e Karim Sánchez Tallón.
Premio fotografía máis poética - Navia García Mendieta.
Premio interpretación simbólica - Vega Vieites Barreiro.
Premio fotografía máis emotiva - Sofía Lorenzo Rico. 

Categoría Educación Secundaria
Premio do Público - Antía Castro Otero
Premio fotografía máis poética - Abel Brey Castro
Premio interpretación simbólica - Aldara Carlín Castro
Premio fotografía máis emotiva - Uxía Trincado da Silva

Entrega de premios

A entrega de premios será á volta das vacacións da Semana Santa. 
Ademais, todo o alumnado participante recibirá un pequeno detalle en agradecemento pola súa implicación e creatividade.

Parabéns ás persoas premiadas e, sobre todo, grazas a todo o alumnado e ás familias por participar e facer da biblioteca un lugar cheo de creación e de vida arredor da obra de Rosalía.

martes, 10 de marzo de 2026

MARILAR ALEIXANDRE PRESENTA CASTELAO SEGUNDO RAÑOLAS

 O luns 9 de marzo tivemos a sorte de contar no noso centro coa narradora, poeta, tradutora e membro da Real Academia Galega, Marilar Aleixandre, quen veu conversar co alumnado de 4ESO sobre o seu libro Castelao segundo Rañolas.

Marilar compartiu co alumnado algunhas experiencias da súa vida como bióloga, investigadora, profesora e escritora. Tamén lles contou que chegou a escribir Castelao segundo Rañolas por petición de Carlos Casares hai xa tantos anos e como chegou a nós no Ano Castelao.   




Grazas a Galaxia e a Marilar por compartir con nós esta sesión tan interesante!

luns, 9 de marzo de 2026

Unha feira para celebrar as linguas maternas

Panel realizado polo alumnado do equipo de dinamización da Lingua Galega

O 21 de febreiro conmemoramos o Día da Lingua Materna, proclamado pola UNESCO hai 26 anos para reivindicar a diversidade lingüística e o dereito á lingua propia. Para celebralo, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) recompilou palabras entre os membros da comunidade educativa, que recibían un precioso broche conmemorativo, e organizou un panel de palabras en diferentes idiomas no edificio da ESO e de Educación Primaria.

Por outra banda, o equipo da biblioteca colaborou nun proxecto desenvolvido pola profesora Nuria, de Lingua Castelá, que nos permitiu coñecer mellor a diversidade lingüística que nos rodea.

O alumnado de 1º da ESO investigou sobre as linguas maternas e realizou entrevistas a persoas que teñen unha lingua materna distinta do castelán. Con toda a información recollida, prepararon diferentes materiais e organizaron unha pequena “feira das linguas”.

O evento comezou co alumnado de 6º de Educación Primaria, que participou nun coloquio sobre as linguas maternas, reflexionando sobre a importancia das linguas na nosa identidade e na comunicación entre as persoas. Despois, visitaron as distintas mesas para escoitar as explicacións dos grupos de 1º da ESO sobre as linguas que investigaran.

Foi unha actividade moi enriquecedora, na que aprendemos que cada lingua conta unha historia e forma parte da cultura das persoas que a falan. Unha excelente maneira de celebrar a diversidade e seguir aprendendo uns dos outros.




domingo, 8 de marzo de 2026

Pezas dunha historia peculiar

O grupo de 1º e 2º da ESO reuniuse de novo no Club de Lectura Maravexás para falar sobre o libro "O Peculiar", de Érica Esmorís, do Editorial Cuarto de Inverno. Durante o encontro comentamos a lectura, os personaxes e aquelas partes que máis nos chamaron a atención. Foron saíndo opinións diferentes, ideas curiosas e reflexións moi interesantes sobre esta historia tan especial. 

Despois da conversa fixemos unha pequena actividade: "reconstruír o libro xuntos". A partir das ilustracións, fomos colocando as escenas en orde e intentando lembrar que pasaba en cada momento do relato. Entre todos e todas fomos reordenando os acontecementos e volvendo contar a historia, fixándonos nos detalles das imaxes e no que cada quen lembraba da lectura. 

Ao final creamos un panel colectivo, no que se pode seguir o percorrido da historia de "O Peculiar". Foi unha maneira diferente e divertida de lembrar o libro e de comprobar que, cando compartimos ideas, cada persoa pode achegar algo para completar a historia.

Seguimos así facendo do Club de Lectura Maravexás un lugar para ler, compartir opinións e descubrir xuntos novas historias.