Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

Todo libro ten como colaborador ó seu lector .

venres, 28 de novembro de 2025

25N: Cando coñeces outras historias, aprendes a non repetir as malas

Co gallo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a nosa biblioteca escolar sumouse ás accións do centro habilitando os seus espazos e colaborando na difusión de actividades destinadas a promover a igualdade e o bo trato.

Exposición de lecturas temáticas

Na entrada da biblioteca encontrase unha exposición de libros que falan sobre igualdade, resolución pacífica de conflitos, autoestima, relacións sans e violencia de xénero.
Animádevos a levar algún destes libros para a casa. Son historias que fan pensar e tamén axudan a mirar o mundo doutra maneira, un material que nos permite comprender mellor a realidade, reflexionar e recoñecer situacións que non deben normalizarse.


Contacontos con Yolanda Neira

Ademais, este ano tivemos a sorte de que a biblioteca servise de escenario para unha actividade moi especial: a visita de Yolanda Neira, autora do libro Alén. Loita e acariña.
A escritora compartiu co alumnado de Educación Infantil e Primaria varias sesións de contacontos cheas de emoción, tenrura e mensaxes de coidado, fomentando relacións baseadas no respecto.
Foi unha experiencia significativa para os máis pequenos e pequenas, que gozaron dun espazo cheo de historias que inspiran reflexión e empatía.


"Cando coñeces outras historias, aprendes a non repetir as malas", un lema que sintetiza o poder transformador da lectura.






luns, 24 de novembro de 2025

Comezou unha nova aventura no Club de Lectura Maravexás!


O pasado 13 de novembro celebramos a nosa primeira reunión, e podemos dicir que o ambiente non puido ser mellor: alegría, curiosidade e moitas ganas de compartir lecturas e momentos xuntos.
Despois dunha pequena benvida, explicamos como funcionará o club: un espazo tranquilo e seguro no que cada quen le ao seu ritmo e vén simplemente a contar o que sentiu, o que lle sorprendeu ou aquela frase que lle quedou marcada. Sen presións, sen exames… só lectura e bo ambiente.
Nesta primeira sesión repartimos os libros que nos acompañará este mes: Ubasute, de Paula Carballeira e Rosalía Oculta de Paula Mayor.
Para ir entrando en calor, fixemos unha pequena actividade: “A primeira impresión”. Cada un abriu o libro ao azar, colleu a primeira frase que atopou e anotouna nun pos-it. Logo fomos pegando todas esas frases nas esculturas de libros que temos na biblioteca, creadas o curso pasado polo alumnado de Plástica.
Saímos da primeira xuntanza cun sorriso e coa sensación de que este curso o Club Maravexás vai traer moitas conversas interesantes, momentos divertidos e descubrimentos lectores.
Vémonos de novo o último luns antes de Nadal, o día 15 de decembro, no recreo do comedor.
Traede as vosas impresións, emocións e, sobre todo, ganas de compartir!





sábado, 8 de novembro de 2025

Entre libros, morcegos, pantasmas e bruxas: así vivimos o Samagosto na nosa biblioteca

Este ano, a nosa biblioteca uniuse á celebración do Samagosto cunha xornada moi especial de creación e lectura. O alumnado da ESO participou nun obradoiro de decoración temática durante os recreos da semana do 27 de outubro, no que empregamos periódicos e outros materiais para transformar a sala nun espazo ambientado no Samaín e no misterio.

Ademais de decorar, preparamos unha exposición de libros sobre temáticas de medo, terror e suspense, que serven como suxerencias de lectura para este período festivo. Foi unha actividade divertida e creativa, na que todos e todas puidemos compartir ideas, decorar e descubrir novas lecturas que nos fan sentir un pouquiño de medo… ¡pero do bo!

  

 



Celebramos o Día de Xosé Neira Vilas

O 4 de novembro conmemoramos no noso centro o Día de Xosé Neira Vilas, autor que dá nome á nosa biblioteca escolar e unha figura fundamental da literatura galega. Este ano quixemos lembrar o seu legado a través de actividades de lectura e convivencia lectora, nas que participou todo o alumnado do centro.

A xornada comezou coa proxección dun vídeo elaborado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG). Este material permitiu achegar a figura de Neira Vilas dun xeito próximo e didáctico, servindo de punto de partida para as actividades posteriores.

En Educación Infantil e Primaria, celebramos ademais a abertura oficial da biblioteca nos recreos dos xoves, inaugurando así o novo horario de uso aberto para todo o alumnado. A partir desta data, cada grupo poderá gozar dos seus “Momentos na biblio”, un espazo para descubrir libros, ler con calma e compartir novas historias. Nesa mesma xornada, as aulas de Infantil e Primaria dedicaron a hora de lectura á obra de Xosé Neira Vilas, participando tamén no maratón lector organizado pola biblioteca.

O alumnado de ESO sumouse igualmente ao maratón, lendo fragmentos de obras do autor durante os primeiros dez minutos da mañá. As lecturas foron compartidas e comentadas co profesorado, nun ambiente de respecto, reflexión e entusiasmo lector.

Foi unha xornada de lembranza e recoñecemento a Xosé Neira Vilas, un escritor que sempre defendeu o valor da lectura, da escola e da palabra como ferramentas para construír unha sociedade máis xusta e consciente. Dende a nosa biblioteca, continuamos o seu legado, facendo da lectura unha ponte que nos une e nos fai medrar.