Biblioteca " Xosé Neira Vilas "
O Curruncho do Saber do CPI Antonio Orza Couto de Boqueixón
Todo libro ten como colaborador ó seu lector .
domingo, 7 de decembro de 2025
Club de Lectura Maravexás abre o grupo de adultos
venres, 28 de novembro de 2025
25N: Cando coñeces outras historias, aprendes a non repetir as malas
Co gallo da conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a nosa biblioteca escolar sumouse ás accións do centro habilitando os seus espazos e colaborando na difusión de actividades destinadas a promover a igualdade e o bo trato.
Exposición de lecturas temáticas
Na entrada da biblioteca encontrase unha exposición de libros que falan sobre igualdade, resolución pacífica de conflitos, autoestima, relacións sans e violencia de xénero.
Animádevos a levar algún destes libros para a casa. Son historias que fan pensar e tamén axudan a mirar o mundo doutra maneira, un material que nos permite comprender mellor a realidade, reflexionar e recoñecer situacións que non deben normalizarse.
Contacontos con Yolanda Neira
Ademais, este ano tivemos a sorte de que a biblioteca servise de escenario para unha actividade moi especial: a visita de Yolanda Neira, autora do libro Alén. Loita e acariña.
A escritora compartiu co alumnado de Educación Infantil e Primaria varias sesións de contacontos cheas de emoción, tenrura e mensaxes de coidado, fomentando relacións baseadas no respecto.
Foi unha experiencia significativa para os máis pequenos e pequenas, que gozaron dun espazo cheo de historias que inspiran reflexión e empatía.
"Cando coñeces outras historias, aprendes a non repetir as malas", un lema que sintetiza o poder transformador da lectura.
luns, 24 de novembro de 2025
Comezou unha nova aventura no Club de Lectura Maravexás!
sábado, 8 de novembro de 2025
Entre libros, morcegos, pantasmas e bruxas: así vivimos o Samagosto na nosa biblioteca
Este ano, a nosa biblioteca uniuse á celebración do Samagosto cunha xornada moi especial de creación e lectura. O alumnado da ESO participou nun obradoiro de decoración temática durante os recreos da semana do 27 de outubro, no que empregamos periódicos e outros materiais para transformar a sala nun espazo ambientado no Samaín e no misterio.
Ademais de decorar, preparamos unha exposición de libros sobre temáticas de medo, terror e suspense, que serven como suxerencias de lectura para este período festivo. Foi unha actividade divertida e creativa, na que todos e todas puidemos compartir ideas, decorar e descubrir novas lecturas que nos fan sentir un pouquiño de medo… ¡pero do bo!
Celebramos o Día de Xosé Neira Vilas
O 4 de novembro conmemoramos no noso centro o Día de Xosé Neira Vilas, autor que dá nome á nosa biblioteca escolar e unha figura fundamental da literatura galega. Este ano quixemos lembrar o seu legado a través de actividades de lectura e convivencia lectora, nas que participou todo o alumnado do centro.
A xornada comezou coa proxección dun vídeo elaborado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG). Este material permitiu achegar a figura de Neira Vilas dun xeito próximo e didáctico, servindo de punto de partida para as actividades posteriores.
En Educación Infantil e Primaria, celebramos ademais a abertura oficial da biblioteca nos recreos dos xoves, inaugurando así o novo horario de uso aberto para todo o alumnado. A partir desta data, cada grupo poderá gozar dos seus “Momentos na biblio”, un espazo para descubrir libros, ler con calma e compartir novas historias. Nesa mesma xornada, as aulas de Infantil e Primaria dedicaron a hora de lectura á obra de Xosé Neira Vilas, participando tamén no maratón lector organizado pola biblioteca.
O alumnado de ESO sumouse igualmente ao maratón, lendo fragmentos de obras do autor durante os primeiros dez minutos da mañá. As lecturas foron compartidas e comentadas co profesorado, nun ambiente de respecto, reflexión e entusiasmo lector.
Foi unha xornada de lembranza e recoñecemento a Xosé Neira Vilas, un escritor que sempre defendeu o valor da lectura, da escola e da palabra como ferramentas para construír unha sociedade máis xusta e consciente. Dende a nosa biblioteca, continuamos o seu legado, facendo da lectura unha ponte que nos une e nos fai medrar.
venres, 24 de outubro de 2025
xoves, 23 de outubro de 2025
O Día das Escritoras foi unha auténtica festa lectora!
Todo o alumnado do centro — desde Educación Infantil ata ESO — participou en distintas actividades de dinamización e difusión lectora coas que celebramos esta data tan especial. Cada grupo traballou arredor dunha escritora, coñecendo un pouco sobre a súa obra e aproximándose á lectura desde diferentes perspectivas creativas e participativas. Foron sesións cheas de interese, descubrimentos e bo ambiente lector, nas que o alumnado puido achegarse á literatura escrita por mulleres e valorar a diversidade das súas voces. En cada aula, o profesorado ideou propostas diferentes: houbo escape rooms literarios, lecturas compartidas, murais, carteis e actividades plásticas arredor das autoras. Como elemento común, todos os grupos montaron un crebacabezas coa imaxe da escritora que lles correspondía, enchendo os corredores de cores, palabras e ilusión.









